Cantos somos?

Na presentación de Somos Nós, que supuxo a rentrée do exvicepresidente Quintana na area política, escoitáronse reflexións de alcance a termos en conta de xeito urxente.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 26/02/2015

Comparte esta noticia
Apela o manifesto de Somos Nós aos movementos civís que un maior pouso deixaron na nosa sociedade: o agrarismo, as Irmandades da Fala ou Nunca Máis. Nace a nova marca con referentes ben escollidos, iniciativas colectivas que removeron conciencias dentro dunha contorna determinada e tamén circunscritas a un eido ou ámbito concreto. Mais asemade haberiamos apuntar que o seu efecto foise esluíndo co paso do tempo ata que a persistente realidade foi ensombrecendo eito a eito os logros acadados. 
 
Afirma Quintana que, cando menos polo momento (o matiz é meu), a intención non é competir na contenda electoral, tan so influír nela. O obxectivo non se albisca con claridade, o cal pode supoñer unha rémora. O éxito de Nunca Máis explícase, entre outras razóns, pola nitidez do seu propósito: repudiar o desleixo das autoridades ante a traxedia do Prestige. Mesmo o suceso da Assemblea Nacional Catalana enténdese pola claridade de súa meta. Se cadra, os responsables de Somos Nós precisan traballar nesa mensaxe central a trasladaren á cidadanía. 
 
A idea esencial que se puido identificar na presentación paira sobre o concepto de “aglutinación”. Quintana fala de tentar unir as galegas e os galegos en torno a un degoiro fundamental: o de nos gobernar por nós mesmos na seguridade de que este resulta o único camiño para mellorar as nosas condicións de vida. Volvemos a vista atrás e lembramos tantos outros proxectos de unificación do voto galeguista e nacionalista que mesmo se nos confunden as siglas, os responsables e ata os logotipos. Houbo un tempo de confluencia en torno ao BNG que terminou coma un cruel espellismo. Hoxe aquelas variadas siglas tornáronse outras, non menos dunha ducia; algúns deses partidos non superan os cen militantes. 
 
En tal contexto, Somos Nós emerxe como movemento de revolta cívica. Diciamos ó principio que no acto de presentación expresáronse pensamentos de alcance, inda que algúns mesmo contrapostos. A cuestión de fondo vén sendo se Galicia está en transo de desaparición como ente político, se hai ou non hai país que sustente esta concepción. A miña opinión móvese nun terreo intermedio. 
 
O propio acto de Somos Nós, que concitou unha nutrida asistencia, demostra que hai país. Próbao igualmente o continuo xurdimento de (micro) proxectos políticos que mencionabamos antes ou as (micro) iniciativas nacidas en torno á lingua, por exemplo. País hai pero é pequeno, amósase fragmentado, os seus defensores parecen escasos e, quizais o peor, a súa evolución móvese en devalo. 
 
A progresiva raquitización de Galicia compróbase mesmo atendendo a cifras xerais. A principios do século XX, a poboación galega representaba o 10,64% do total español; en 1950, esa porcentaxe descendera ata o 9,26%; en 1981, ao 7,30%; ata o 6,65% en 2001, sendo o último dato coñecido do 5,92%. A evolución demográfica de Galicia parece dar a razón ás perspectivas máis apocalípticas. A nosa presenza avanza de xeito acelerado cara á marxinalidade. 
 
Para matizar o diagnóstico, podemos coller o último estudo de estado da lingua para comprobar que, ademais de sermos menos, os que quedamos imos abandonando os nosos riscos identitarios. Por primeira vez nos últimos mil anos, o uso do idioma propio non é maioritario no País. 
 
So parece haber unha maneira de darlle a volta a esta evolución que semella unha condena cara a un destino fatal. Converxer na defensa dun futuro gobernado por nós mesmos, un mañá no que as decisións sexan tomadas cun criterio autóctono, segundo a nosa idiosincrasia e atendendo ao beneficio común do País. Aglutinar é a idea. Somos Nós podería constituír esa primeira pedra necesaria. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego