Que busca a Xunta co anuncio de retirar as prestacións aos parados de longa duración?

O goberno da Xunta anunciaba o día 4 de maio a apertura dun programa de seguimento a persoas paradas de longa duración. Inclúense programas formativos, ofertas de emprego e tratamento personalizado a cada demandante de emprego. Realmente é así? Organizacións sindicais consideran esta medida unha maneira de “xustificar o discurso de que falta man de obra” e así culpabilizar aos desempregados de seren responsables da súa situación.

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/05/2023 | Actualizada ás 23:13

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba a creación dun programa de seguimento da demanda de emprego para relacionar demandantes con empresas “que necesitan persoal axustado aos perfís solicitados. A aplicación deste programa necesitaría dunha serie de axustes no actual sistema do Servizo Galego de Colocación. A finalidade é seguir as persoas sen emprego de longa duración  para crear uns itinerarios que permitan introducilos no mundo laboral. Ao mesmo tempo, buscaríase evitar fraudes ou disfuncións dentro deste grupo de persoas e poder cubrir un número de prazas desocupadas que andaría arredor das 15.000 vacantes en diferentes empresas.

Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo
Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo

SISTEMA PIONEIRO

As persoas desempregadas de longa duración, con máis de cinco anos sen traballar, poderán ser chamados nun futuro ás oficinas de emprego para que técnicos da Consellería de Promoción do Emprego inicien a confección de itinerarios para encontrar un emprego acorde ás súas dispoñibilidades e capacidades. A conselleira de Promoción de Emprego, María Jesús Lorenzana, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaron que este método podería estar en funcionamento a partir do verán que vén.

O goberno galego reforzará con 136 orientadores e orientadoras laborais as oficinas de colocación para levar a diante o proxecto e “perfilar” o posto de traballo para a persoa demandante. “O número de vacantes laborais é aproximado, non é unha estatística fixa porque tampouco se pode coñecer a demanda que necesita unha empresa” din desde a Consellería. Segundo fontes da Consellería de Pormoción de Emprego, o número de persoas que encontraban emprego mediante o sistema público era do 1%, por tanto, o número de 15.000 vacantes laborais en Galicia “non é unha estatística fixa senón que os datos vanse buscar nos diferentes clúster industriais, os cursos realizados para xente desempregada e sectores estratéxicos que demanda empregados”.

Para a realización do itinerario que podería seguir unha persoa desempregada mediante o novo sistema, primeiramente faíase un cruce de datos entre administracións, empresas, clúster, etc., que buscan uns traballadores e traballadoras concretas. Analizaríanse horarios, conciliación, a dispoñibilidade para o teletraballo e “outros factores para os que as empresas, sobre todo PEMES, tamén se deben actualizar” din desde Fomento do Emprego.

Sobre a retirada de prestacións por desemprego, Fomento do Emprego apunta que “a obriga dunha institución é poñer en coñecemento da cidadanía as posibilidades de traballo”, por tanto, non se debera falar dun “castigo”. “Agora imos sentarnos para realizar un itinerario asesorando á persoa demandante mediante o coñecemento mesmo dos seus hábitos, capacidades, entretementos e elementos como a imaxinación ou a capacidade de idear solucións”. Como exemplo, Fomento indica a contratación de licenciados en Filosofía por parte do sector da banca. “Primeiro queremos buscar o talento aquí, se non hai, buscaríase fóra”.

CULPABILIZACIÓN E EXTERNALIZACIÓN DA BUSCA DE EMPREGO

As forzas sindicais consultadas coinciden maioritariamente en que estamos diante dunha política propia do PP. Ameazas ás e aos traballadores para sacar das listas de desempregados a quen non acepte ir a un número determinado de entrevistas laborais ou non acuda a cursos de formación. “Debemos mirar máis alá do titular de prensa, o que hai é un abuso, é penalizar aos e ás desempregadas por 'vagos y maleantes', é estigmatizar a esas persoas mentres creas un discurso neoliberal; xenófobo, porque logo falan dos de fóra que veñen quitar o traballo aos de aquí e tamén fomentan a aporofobia, o odio aos e ás pobres” di Ricardo Castro da CUT.

Ao anterior engádese a cuestión da calidade dos postos de traballo, pois “mentres que as empresas e as autoridades montan o 'teatro' de que non hai man de obra non falan de salarios nin de condicións laborais” sinala Francisco Sio da CIG. “Estamos diante dunha situación ideal onde institucións e empresarios crean un relato para poderen seguir coa explotación laboral baixo os puntos que marca o ideario neoliberal”.

“De momento non sabemos moito, mais consideramos que é un proxecto piloto que criminaliza os desempregados de longa duración” di Maica Bouza de CCOO. A cuestión para este sindicato pasa primeiro por “unha reforma do Servizo Galego de Colocación porque algo menos do 5% dos desempregados reciben información deste departamento”. CCOO estima que o Servizo Galego de Colocación non pon en relación o número de demandas co número de ofertas reais, de aí a necesidade que ven de reformalo. Por outra parte, “o anunciado non é nada novidoso, criminalizar os desempregados non dá éxito ningún, e para cubrir os postos de difícil cobertura, hai que estudar como está o mercado laboral”.

A coincidencia entre Xunta e sindicatos dáse na necesidade de máis ferramentas que permitan facer coincidir a demanda coa oferta. Revisar o mapa laboral e poñer recursos para a redución do número de persoas sen emprego. Alén diso, a desconfianza sindical tamén vai na dirección de estarmos diante do inicio da privatización dos servizos públicos de colocación mediante o uso das ETT ou outras fórmulas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta