Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2023 | Actualizada ás 18:28
Sindicatos e patronal do sector do transporte de viaxeiros por estrada chegaron este sábado a un principio de acordo que abre a porta a desconvocar a folga indefinida á que os traballadores están chamados desde o luns.
Despois de que este venres fracasase a reunión, na que as posturas pasaron a estar aínda "máis afastadas", os actores desta negociación mantiveron na mañá deste sábado un novo encontro coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, que si frutificou.
Segundo confirmaron a Europa Press fontes sindicais, o principio de acordo alcanzado fai referencia ao ámbito económico, o que "máis necesitan os traballadores", afectados dunha perda importante de poder adquisitivo.
Así, a última proposta da patronal pasa por recuperar o poder adquisitivo xa este ano e garantir o IPC Real para o ano 2024. A anterior proposta aprazaba esta recuperación de poder adquisitivo ata cinco anos.
Agora, os sindicatos levarán esta proposta ás asembleas de traballadores, que están convocadas esta mesma noite e onde serán eles mesmos os que decidan se aceptan o acordo e suspenden a folga do luns ou continúan con ela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.