Feijóo remítese a un artigo de La Voz para criticar que se pida a dimisión de Rocío Mosquera

O presidente galego, ao contrario do que dixo a conselleira de Sanidade, aposta por “explicar” xa en que consiste o informe que provocou a dimisión de sete asesores do Comité de Bioética.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta volveu negar que existan diferencias internas no seu Executivo sobre a dimisión de sete asesores do Comité de Bioética pola negativa da conselleira deste departamento a publicar un informe. De feito, apoiou públicamente a Rocío Mosquera. “Se non estivese satisfeito actuaría doutro xeito”, dixo ao ser preguntado pola súa dimisión por este caso.

Alberto Núñez Feijóo e Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade
Alberto Núñez Feijóo e Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade | Fonte: xunta.es

E para criticar aos que piden a súa dimisión, Feijóo botou man  dun artigo "moi interesante" publicado en La Voz de Galicia polo "presidente" do citado comité que di que esta cuestión "non ten relevancia" para pedir a dimisión da conselleira. "O presidente do comité di nun artigo que non ten importancia e lamenta que se utilice politicamente", dixo para desbotar as críticas da oposición e de amplos sectores do mundo da medicina.

En todo caso, Feijóo tamén dixo que "hai que explicar en que consiste o informe" para que os cidadáns vexan que "non ten ningunha importancia asistencial". "Debería explicarse de forma inmediata, porque non vale a pena a polémica que se montou, xa que toda a oposición aproveitou para pedir a dimisión de Mosquera, tamén por este asunto”, engadiu.

As declaracións de Feijóo enmendan, definitivamente, as da  propia conselleira quen aseguraba este mércores que a publicación ou non deste documento aínda estaba a debate. Previamente, suliñaba que o presidente galego “non ten porque ter opinión” sobre informes internos do seu departamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta