Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/05/2025 | Actualizada ás 21:50
O rural galego non está baleiro, está invisibilizado. En realidade, o rural de Galicia é un territorio que segue habitado, con dinámicas propias e demandas concretas que moitas veces non encaixan no molde das políticas deseñadas dende a cidade. A idea dun rural en decadencia, baleiro, agardando ser salvado, segue presente nos discursos institucionais e mediáticos, pero esa mirada está distorsionada pola falta de coñecemento real sobre o terreo. A profesora de Economía Aplicada na Universidade de Santiago (USC) María do Mar Pérez Fra fala co Galicia Confidencial despois de ter participado na xornada 'O territorio. A sostibilidade territorial e o retorno ao lugar. O papel do territorio rural', organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), para expór unha mirada alternativa: deixar de ver o rural como un espazo que precisa ser salvado, para comezar a pensalo como un territorio habitado, activo e cheo de posibilidades, reformulando as políticas públicas nese senso. E é que, dende o seu punto de vista, o problema non se atopa só na falta de recursos senón tamén na falta dunha planificación realista e adaptada aos múltiples rurais que existen, porque non todas as zonas rurais son iguais nin enfrontan as mesmas problemáticas.
Pérez Fra sabe ben do que fala, pois como ela mesma conta é unha 'novapoboadora' do rural, ao mudarse a un lugar fóra da cidade que a acolleu cos brazos abertos. Así, amósase contundente á hora de dicir que "eu non cheguei a un espazo baleiro, cheguei a un espazo que xa estaba habitado". Esta afirmación serve como demostración do que ela mesma defende como unha necesidade: "Hai cambiar a forma de entender os procesos de desenvolvemento rural, deixar de falar tanto de retorno ao rural para pensar máis nas persoas que xa están nestes espazos". Desta maneira, para ela o enfoque debe desprazarse das promesas de repoboación cara o benestar das persoas que xa viven nestes espazos. "Temos que pensar nas políticas dende a súa realidade, non dende unha mirada urbana que ve as zonas do rural como lugares problemáticos ou atrasados", asegura. E matiza que "non hai un único rural, hai moitos", e cada un ten as súas particularidades, polo que o ideal sería "adaptar as políticas aos recursos e ás necesidades de cada espazo". "Non se pode comparar o rural periurbano de Santiago co da montaña de Ourense, porque nada teñen que ver, nin dende o punto de vista demográfico nin dende o punto de vista produtivo", exemplifica.
"HABERÍA QUE PLANIFICAR O FUTURO DOS ESPAZOS RURAIS PENSANDO NAS PERSOAS QUE XA OS ESTÁN HABITANDO NO PRESENTE"
Así, a profesora da USC confesa que "esa idea de ter que pensar no futuro das áreas rurais coma se estas fosen uns espazos aos que retornar era un enfoque que me xeraba bastante incomodidade", polo feito de que, "ao meu parecer, ese pensamento levaba a contemplar os problemas destes lugares dende unha visión un tanto errada". Deste xeito, aínda que se amosa consciente de que, efectivamente o rural perdeu moita poboación nos últimos anos, convida a poñer o acento sobre aquela que aínda conserva. "En Galicia estase tendendo a centrar a ollada futura sobre o rural unicamente nun grupo indeterminado de poboación que supostamente estaría disposta a vir habitar os espazos rurais", sinala Pérez Fra, que considera que "esta visión pode despistarnos á hora de facer a planificación pública pensando nos que xa habitan eses espazos agora". Por iso, aposta por rachar con esa idea da 'España baleira ou baleirada', porque "non é correcta".
Partindo desta base, pon o foco na "necesidade de focalizar a planificación futura destes espazos pensando nas persoas que xa os están habitando no presente". Como? Pois teno claro: "Tratando de facelos atractivos dende o punto de vista da xeración de renda, da xeración de empregos, pero tamén dende o ofrecemento de condicións de vida adaptadas ao século XXI que tamén os fagan atractivos para vivir", resalta. Desta maneira, no tocante á creación de emprego, defende que "esta é unha condición indubidablemente necesaria para que estes espazos sexan atractivos para habitar", pero tamén confesa que, "se non ofrecen máis posibilidades que a xeración de renda, a xente que os habita agora rematará marchando igual". "Non soamente da capacidade de xeración de renda do rural vai depender que a xente se quede", reivindica. Polo tanto, asegura que "tamén necesitamos que o rural conte con servizos adaptados ao século XXI" e "adaptados a cada zona rural en específico".
"O ENVELLECEMENTO NON É O PROBLEMA, É O RESULTADO DA MIGRACIÓN DA MOCIDADE E DA FALTA DE OPORTUNIDADES"
E, para facer políticas adaptadas a eses espazos, considera que habería dous elementos fundamentais a ter en conta. Por unha banda, "facer unha política que realmente responda ás necesidades e aos recursos de cada zona". Neste senso, a profesora da USC denuncia a miopía das políticas que confunden síntomas con causas, como acontece coas variables demográficas. "É unha obviedade que o número de nenos que nacen nas zonas rurais é máis reducido que nas cidades, pola súa estrutura demográfica", apunta Pérez Fra, pero defende que "este non é o problema, é o resultado da migración da mocidade e da falta de oportunidades", lamenta. Así, considera que "as taxas de natalidade son a causa de non chegar a crear condicións de vida axeitadas para que os nenos e nenas que nacen no rural teñan a posibilidade de desenvolver nel toda a súa vida, unha vida plena, sen sentir esa necesidade de marchar del para prosperar cando cumpren os 18 anos".
"Por que focalizarnos tanto en cuestións como o envellecemento e a falta de natalidade e non nun problema real que continua existindo en todas as zonas rurais como é a migración da mocidade?", pregúntase, insistindo en que "non estamos a facer unha boa diagnose, porque o envellecemento é un síntoma dun problema moito máis grave: a perda de poboación derivada da falta de oportunidades". Ante esta situación, aposta por "facer unha boa diagnose do territorio que nos permita ir máis aló de políticas puntuais e defensivas". Por outra banda, e sumado a esa intervención, reivindica a necesidade de recursos para poder implantar no rural calquer tipo de política. "Téndese a repetir moito no discurso esa idea de que hai que facer algo coa situación actual do rural, pero a pregunta é: que cantidades de recursos estamos dispostos a adicar ao rural?", porque, como destaca, "calquera persoa pode observar que hai unha distorsión enorme entre o discurso e os recursos que realmente se están adicando a estes espazos".
"NON SOMOS CIDADÁNS DE SEGUNDA POR VIVIR NO RURAL, PAGAMOS IMPOSTOS COMA TODOS E TEMOS OS MESMOS DEREITOS QUE OS QUE HABITAN NO URBANO"
Así as cousas, para a profesora da USC, a chave está en garantir condicións de vida dignas no século XXI: emprego, mobilidade, conciliación, servizos públicos adaptados... "Non somos cidadáns de segunda por vivir no rural, pagamos impostos coma todos, polo que temos o mesmo dereito que calquera habitante dun espazo urbano a reclamar os servizos que precisamos adaptados ás características especiais que teñen as contornas rurais", amósase tallante. "Eu creo que ás veces a xente que pensa nestas cuestións dende os núcleos urbanos, ten unha visión un pouco distorsionada dos espazos rurais, tendendo a velos como espazos problemáticos no canto de como fontes enormes de recursos que contribúen ao conxunto da realidade", resalta Pérez Fra, que asegura que "mesmo moitas veces se pensa que os problemas que ten o rural son tan grandes que o fan practicamente inhabitable, cando non é certo".
Dentro de todos os servizos dos que o rural debería gozar de igual maneira que xa gozan os espazos urbanos, a profesora fai fincapé no que considera o máis importante: a mobilidade. "Para min esta é a gran cuestión pendente á que temos que dar solución hoxe en día, e a que nos permitirá levar unha vida adaptada aos parámetros do século XXI", resalta, xa que confesa que "a fenda de servizos segue existindo, pero atópase especialmente concentrada en determinados elementos que son centrais e sobre os que habería que actuar de inmediato, como é o caso da mobilidade". Ademais, apunta a que "non se trata tanto de ter que crear novos servizos e infraestruturas en todos os lugares, tamén no rural, senón de poder establecer mecanismos que permitan comunicar os servizos que xa hai coa totalidade da poboación". Isto é, que se hai un hospital ou unha escola en núcleos urbanos próximos a certas zonas rurais, estas últimas poidan gozar de boas conexións con eles.
"O RURAL PRODUCE ALIMENTOS, ENERXÍA, CONSERVA BIODIVERSIDADE E CULTURA... COMO PODE SER VISTO COMO UN PROBLEMA?"
Así mesmo, Pérez Fra tamén se detén a falar do concepto de sostibilidade territorial, pero non coma un eslogan, senón coma unha cuestión de xustiza. "O rural produce alimentos, enerxía, conserva biodiversidade e cultura... Como pode ser visto como un problema?", pregúntase, resaltando que "o rural é o 80 % do territorio galego, aínda que a meirande parte da poboación viva en espazos urbanos", polo que "realmente podemos vivir pensando que o 80 % do noso territorio é un problema?". "Non podemos, temos que empezar a mudar esa idea do rural que se instalou na sociedade urbana, porque se ben é certo que no rural hai problemas económicos e demográficos, tamén as zonas urbanas teñen os seus problemas, dende conflitos sociais ata desemprego", reflexiona. "Existe unha distorsión enorme entre o que se di e o que se fai, e os habitantes do rural tamén teñen dereito a participar no deseño das políticas que os afectan", asevera.
E é que "non soamente as políticas que impactan sobre os habitantes dos espazos rurais son as que están deseñadas especificamente para estes espazos, senón que hai moita política sectorial e moita política pública deseñada a nivel xeral que tamén os está afectando", sinala a profesora da USC, que demanda "que tamén se permita participar aos habitantes do rural no deseño destas políticas, porque as súas opinións tamén merecen ser escoitadas". E é que, dende o seu punto de vista, a día de hoxe xa non se pode dubidar de que o rural é unha enorme fonte de xeración de riqueza económica e social. "Existen centos de iniciativas interesantísimas e moi innovadoras que se están realizando en espazos rurais, o que acontece é que non as vemos, pechados nesa visión do rural coma un espazo atrasado e baleiro no que non hai nada", reivindica a economista. Dende a súa experiencia, conta que cando vai dar charlas a determinados encontros, pide á xente que lle digan un rasgo definitorio do que é para eles o rural, e lamenta que "no 90 % das ocasións os rasgos que me dan son negativos".
CASO ALTRI: "PERCIBEN A ULLOA COMO UN ESPAZO BALEIRO Á ESPERA DE ACTIVIDADE, CANDO ALÍ XA HAI GRAN DINAMISMO ECONÓMICO E SOCIAL"
Como exemplo paradigmático de todo o comentado, Pérez Fra menciona o caso do proxecto industrial que Altri quere instalar na comarca da Ulloa. "Dende a empresa e a Administración conciben ese territorio como baleiro, coma se fose un lugar á espera de actividade, cando, en realidade, alí xa hai un gran dinamismo económico e social, como demostran as baixísimas taxas de emprego da comarca, e unha sociedade civil que demostrou ser quen de organizarse e protestar por aquilo que non quere", sinala. Na súa opinión, a masiva resposta cidadá demostrou que o rural non é un espazo pasivo, senón con capacidade de reacción e proposta. "Toda esta mobilización social que se creou en tan pouco tempo para repudiar a instalación de Altri na zona xa nos deixa claro que nesa zona, realmente, hai unha sociedade con capacidade para organizarse, o cal choca directamente coa idea do rural baleirado", resalta a economista. "Os habitantes da Ulloa xa están xerando actividades absolutamente exemplarizantes e innovadoras en ecolóxico que aportan un gran valor ao tecido económico e social de Galicia", reivindica, convencida de que "todas estas iniciativas poden servir precisamente para frear a migración da mocidade cara as cidades".
Así as cousas, e con este exemplo na mente, a profesora de Economía Aplicada na USC amósase esperanzada co tecido social rural, pero escéptica coa vontade política. "Eu son optimista de cara ao futuro dende o punto de vista de que unha parte importante dos espazos rurais galegos si teñen dinamismo e neles están acontecendo cousas moi interesantes", resalta, pero matiza que "non son tan optimista dende o punto de vista dos recursos que a Administración está disposta a adicar neles, porque a realidade non fai pensar nun futuro bo neste senso". E iso a pesar de que, como defende, "eu creo na intervención pública, porque a vexo como unha ferramenta á que non debemos renunciar como sociedade, pero non vexo unha aposta decidida dende as áreas de gobernanza polos espazos rurais". Deste xeito, a súa visión é clara: non se trata de salvar o rural, senón de recoñecer o que xa existe e escoitar as súas voces.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.