Por Galicia Confidencial | Culleredo | 07/03/2015 | Actualizada ás 20:38
As Cantareiras de Ardebullo, protagonistas involuntarias do acto da Xunta de Galicia polo Día Internacional da Muller, acaban de pronunciarse sobre a súa polémica actuación. Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro -coñecidos polo éxito na TVG dos seus alter egos Mucha e Nucha- fuxen de leas e "consideran que a polémica política non é cousa súa".
Os artistas argumentan que na súa actuación do xoves "nin foron nin pretenderon ser protagonistas dun acto no que o realmente importante foi a homenaxe" a unha serie de traballadoras.
Non opinou igualmente a oposición, pois a deputada do PSdeG Carmen Gallego, cualificou de "mofa" e "insulto" a presenza dos homes artistas disfrazados nun acto que en teoría debería servir de homenaxe ás mulleres.
Dende a Xunta respondeulle Alfonso Rueda. O vicepresidente do Goberno destacou a "dignidade" coa que o dúo fixo a súa actuación, que considerou apropiada para o Día Internacional da Muller.
Nun comunicado dos artistas, sinálase que "a súa participación no acto do xoves encádrase dentro do seu traballo como actores".
Ademais da citada actuación, no acto institucional rendiuse homenaxe a Inés Abril, chef viguesa que a través da gastronomía propón fantásticas e innovadoras propostas, Idoia Cuesta, capaz cos seus traballos de converter o tradicional oficio da cestería en toda unha tendencia, Myriam Vázquez, internacionalizando a produción da empresa familiar Vinos y Bodegas Gallegas, Verónica Núñez, achegando unha nova forma de consumir a castaña do Courel a través dunha riquísima crema, Virginia Rodríguez, que coa súa marca Xoias a Raspa ten reformulado a arte da xoiería, Cristina Román, responsable da queixería Don Gabino, de Vilalba, e do éxito dunha das marcas máis valoradas da variedade San Simón da Costa, e Elena Ferro, terceira xeración dunha familia de zoqueiros e protagonista dun evidente caso de éxito grazas á adaptación dun oficio tradicional ás novas tendencias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.