O historiador Lourenzo Fernández Prieto será novo membro da RAG

Substituirá á poeta Luz Pozo como membro de número da Academia Galega o 3 de xuño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2023 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresará o vindeiro sábado 3 de xuño na Real Academia Galega (RAG) como membro de número, ocupando a vacante producida no ano 2020 polo falecemento do poeta Luz Pozo Garza.

A sesión extraordinaria pública terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde creceu, a partir das 12,00 horas. A entrada é libre ata completar o aforamento do teatro e poderá seguirse tamén en directo na páxina web academia.gal.

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dará lectura ao discurso titulado 'A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977', ao que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da Sección de Historia, Ramón Villares.

A RAG explicou que Lourenzo Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista.

Ademais, é coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural Histagra, e dirixe tamén a Cátedra universitaria Juana de Veiga de Estudos Agrarios.

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto | Fonte: - MIGUEL GRANDÍO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta