Por Galicia Confidencial | Valdeorras | 09/03/2015 | Actualizada ás 11:53
Menos dunha semana de bo tempo e comezan xa os lumes intencionados. Un deles ameaza un dos lugares máis fermosos de Galicia, o Teixedal de Casaio, o bosque máis vello de Galicia.Este espazo, cheo de teixos e a 1.500 metros de altura, é un prodixo da naturaleza único en Europa que ocupa as ladeiras das montañas de Trevinca desde hai centos de miles de años.
E ese espazo está ameazado por un incendio forestal declarado este pasado domingo, con dez focos, na zona de Carballeda de Valdeorras (Ourense). O lume calcinou xa máis de 15 hectáreas, a maior parte en zona de Rede Natura 2000. Con todo, desde Medio Rural insisten en que as lapas non entraron no teixedal.
O primeiro incendio produciuse o domingo ás 10:55 horas, na parroquia de Casaio (Carballeda) e horas despois rexistráronse novos focos na zona da serra de Pena Trevinca, o que suscitou a alarma dos veciños pois eran lugares de difícil acceso, feito que imposibilitou nalgúns casos a chegada de medios terrestres.
Nos labores de extinción, participan actualmente dous técnicos, 10 axentes forestais, 15 brigadas e tres helicópteros. Segundo detallou a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, trátase en todos os casos de "focos pequenos" que afectan principalmente "a zona de mato" e "monte baixo", catalogado como Rede Natura polo seu alto valor ecolóxico.
O fume do incendio, con varios quilómetros de fronte, fíxose visible desde Ponferrada (León) e varias zonas da provincia, e puxo en alerta a medios de extinción de todos os distritos forestais de Ourense, con brigadas de terra e helicópteros.
Actualmente, todos os focos "están controlados" e "ningún supera o vinte hectáreas", concretou Medio Rural. Esta mesma parroquia sufrira outro incendio a finais de outubro de 2014 no que se calcinaron preto de corenta hectáreas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.