O candidato do PP da Illa condenado en 2011: "Apoio á xente que, de verdade, sofre casos de violencia de xénero"

Matías González Canón foi condenado por agredir a súa ex parella no ano 2011. O PP da Illa contradí á dirección e avala ao seu candidato condenado por violencia de xénero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2023 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

O PP da Illa e toda a candidatura pechou filas co seu cabeza de cartel, Matías González Cañón, despois de transcender que foi condenado por agredir á súa exparella no ano 2011. Contradí así á dirección provincial, que reprobou os feitos e pediu ao cabeza de cartel que deixase a lista, ao que este negouse.

En resposta, a dirección do PP de Pontevedra comprometeu que González Cañón non formará parte do grupo municipal popular que se constituirá despois das eleccións do 28 de maio. Pola súa banda, arroupado polos seus compañeiros do PP local, o cabeza de cartel difundiu un vídeo por redes sociais no que se declara como "principal afectado e vítima" dun "ataque oportunista" que atribúe aos seus rivais políticos.

O candidato foi condenado en 2011 por unha agresión a unha exparella e a unha pena de 25 xornadas de traballos en favor da comunidade, privación do dereito de tenencia e porte de armas durante 9 meses e prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima no mesmo período. Tamén tivo que abonar unha multa que rozaba os 80 euros.

No seu vídeo comunicado, González Cañón mostra a súa "absoluta repulsa a calquera acto de violencia machista", á vez que admite que lle doe "de todo corazón" que se "volva a sacar un tema" polo que --se defende-- xa pagou "inxustamente" hai 12 anos.

"NESTE POBO COÑECÉMONOS TODOS E SABEMOS QUEN É QUEN"

Así as cousas, ratifica que seguirá "adiante" co seu proxecto para A Illa. "Non vou dar nin un paso atrás", engade. "Sorte que neste pobo pequeno coñecémonos todos e sabemos quen é quen; nós imos continuar co proxecto co que queremos representar ao o noso pobo e aos nosos veciños a pesar de que tenten manchar a miña imaxe", continúa.

Finalmente, lamentou "profundamente" que haxa quen "utilice o beneficio de lei, nalgúns casos, para facerlle dano a outras persoas" e, tras remarcar que non só o seu equipo e o PP sofren dano por unha cuestión que tamén afecta á súa "familia", conclúe reiterando que condena calquera acto de violencia e apoiando "á xente que, de verdade, sofre casos de violencia de xénero".

Matías González Cañón, candidato do PP na Illa
Matías González Cañón, candidato do PP na Illa | Fonte: PPdeGH

PSOE NEGA FILTRACIÓN

Por outra banda, o PSOE da Illa de Arousa e a candidatura de Luís Arousa emitiron un comunicado no que se desvinculan da filtración de que a cabeza de cartel popular, Matías González Canón, fora condenado en 2011 por violencia machista, fronte ás "insinuacións" dos populares que, no ámbito local, situanos detrás de que a súa situación chegase aos medios de comunicación.

Nun comunicado que asina o secretario da agrupación local, José Manuel Vázquez, os socialistas instaron ao PP a que resolva os seus problemas "internamente" sen "mesturar" aos socialistas "en cousas" que non "teñen que ver" con eles nin sobre as que queren facer "ningunha declaración".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta