Convocados os Premios de Artesanía de Galicia 2023, que recoñecen o traballo dos artesáns galegos

Terán unha dotación de 13.000 euros nas súas tres categorías

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2023 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A Xunta convocou os Premios de Artesanía de Galicia 2023 para recoñecer o traballo dos artesáns galegos, que terán unha dotación de 13.000 euros nas súas tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Xesto. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto desde o día 18 de setembro ata o 29.

Segundo informou a Consellería de Economía, Industria e Innovación a través dun comunicado, a iniciativa ten como obxectivo recoñecer a mestría e o talento no sector artesanal galego.

Así, para a modalidade Premio Artesanía de Galicia a solicitude deberá presentarse presencialmente na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela, mentres que para as outras dúas categorías as solicitudes realizaranse soamente a través de medios electrónicos. O Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9.000 euros, está dirixido a todos os talleres artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

De acordo co departamento autonómico, premiarase a obra que represente "as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual, como o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra".

Por outra banda, o Premio Traxectoria 2023 é honorífico e será outorgado polo propio sector artesanal. Neste caso, o galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estivesen inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderán ser presentadas por talleres rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

Ademais, o Premio Bolsa Eloy Xesto é un apoio da Xunta á formación especializada de artesáns máis novos, polo cal está dotado con 4.000 euros para o vencedor poida investir a súa formación nun centro de prestixio.

Artesanía de Galicia
Artesanía de Galicia | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta