Dez dos doce acusados por integrar o clan do "Sevilla" pactan as súas condenas

Pactaron as súas condenas á baixa coa Fiscalía que inicialmente solicitaba penas de prisión de entre ata dez anos por delitos contra a saúde, integración en grupo criminal e atentado a axente da autoridade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2023 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dez dos doce acusados vinculados co clan do 'Sevilla', considerados os maiores traficantes de droga no poboado chabolista do Vao de Arriba, no municipio de Poio.

Unha das procesadas faleceu durante a fase de instrución e outro dos procesados, fincado en Vilagarcía, non se mostrou de acordo coas penas ofrecidas, e será xulgado aparte o próximo día 13 na mesma sala da Audiencia.

Os outros dez acusados pactaron as súas condenas á baixa coa Fiscalía que inicialmente solicitaba penas de prisión de entre ata dez anos por delitos contra a saúde, integración en grupo criminal e atentado a axente da autoridade.

Trátase da operación antidroga 'Gepetto' que a Policía Nacional despregou no poboado chabolista do Vao de Arriba en febreiro de 2019 na que foi detido Miguel C., o suposto xefe coñecido como 'O Sevilla' xunto á súa esposa xa falecida, o seu fillo Pedro C., alias 'Pinocho', e os seus principais colaboradores.

As indagacións desenvolvidas por funcionarios da Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco), así como dos funcionarios do Grupo de Tráfico Medio da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Comisaría Provincial de Pontevedra, desvelaron a actividade dos investigados "consistente, de modo estable e desde logo entre os meses de agosto de 2018 e febreiro de 2019, na provisión e comercialización de estupefacientes, tanto heroína como cocaína, que distribuían tanto a consumidores finais destas sustancias como a outros distribuidores secundarios no mercado ilícito", segundo relata a Fiscalía no seu escrito de acusación.

Para esta actividade ilícita servíanse doutras persoas que adquirían a droga no Salnés, A Coruña ou Alxeciras. Durante a investigación os axentes "detectaron unha compra de haxix no Campo de Gibraltar por parte dun individuo afincado na zona de Sanxenxo para a súa posterior venda en Galicia", a este home, Alejandro M. B., tamén se lle acusaba de tentar atropelar a un dos axentes intervenientes e aceptou a condena máis alta, de cinco anos de prisión e ao pago de 50.000 euros de multa, a mesma pena que aceptou José Luís S.

Os xefes do clan 'O Sevilla' e 'Pinocho' asumiron condenas de catro anos e medio de prisión e multa de 100.000 euros, ao terse en canta a agravante de reincidencia e a atenuante de confesión. Catro anos deberán cumprir Daniel G. e Silvia Lorena D., con multas de 95.000 e 90.000 euros, respectivamente. Para Lorena G. e M.G. a pena será de tres anos e medio e cumprirán tres anos Cristian e María del Mar C.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta