Máis de 2 millóns da Xunta a centros concertados para dotacións de aulas dixitais

As axudas están cubertas na súa totalidade polos fondeos europeos Next Generation e concederanse a colexios co 30% de "alumnado vulnerable" .

Por Europa Press / Redacción | | 01/06/2023 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta repartirá algo máis de dous millóns de euros, financiados na súa totalidade polo programa de fondos europeos Next Generation, para a dotación de aulas dixitais a centros concertados cun 30% do "alumnado vulnerable". O prazo de solicitudes arrincará este venres e permanecerá aberto durante un mes.

Por 'vulnerable', nun sentido amplo, enténdese o alumnado que presente necesidades asistenciais, escolares, socioeducativas ou educativas especiais, que teña altas capacidades ou algún tipo de dificultades específicas de aprendizaxe, tal e como describe a orde do DOG.

Reflexo nun computador portátil dun neno
Reflexo nun computador portátil dun neno | Fonte: Europa Press

Esta liña de axudas, dotada dun total de 2.040.290,68 euros, "non só facilitará o ensino e a aprendizaxe con medios dixitais de forma xeneralizada nos centros educativos, senón tamén a distancia, posibilitando as modalidades mixtas de ensino". Así figura na orde publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia , que busca "alcanzar unha maior presenza da educación dixital e contextos híbridos de ensino-aprendizaxe", unha vez pasada a pandemia da covid-19, tal e como consta na exposición de motivos.

DÚAS MODALIDADES

Os centros poderán acceder a estas axudas en dúas modalidades: unha adicada a crear aulas dixitais básicas ou a repor equipamentos, co obxectivo de que as clases dispoñan, como mínimo, dun panel táctil interactivo de polo menos 62 polgadas e un equipo informático; e outra para actuacións que completen e amplíen as dotacións das aulas básicas.

Con todo, non cabe que un centro se presente a varias modalidades da subvención para unha mesma aula. A axuda cubrirá o 100% do investimento, pero cun límite que variará en función do tipo de axuda, co máximo situado nos 5.000 euros. Os centros deberán realizar as actuacións entre o 1 de xaneiro e o 1 de novembro deste ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta