Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/06/2023 | Actualizada ás 12:59
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou deixar a Alcaldía da capital galega coa "tranquilidade" de ser a cidade que "máis creceu" e nunha "posición saneada" con 40 millóns dispoñibles para actuacións.
O rexedor en funcións ofreceu este xoves un almorzo informativo aos medios con motivo da súa marcha do Consistorio, do que non formará parte a partir deste sábado, data na que se constitúen as novas corporacións, tras perder a Alcaldía o pasado 28 de maio ao quedar o PSOE como terceira forza.
Neste almorzo aproveitou para agradecer aos medios a atención ao Concello de Santiago e fixo balance da situación na que queda a capital galega tras estes últimos catro anos á fronte da a Alcaldía. "É a cidade galega que máis creceu nestes últimos anos, coa renda per cápita máis elevada, é a cidade galega que xerou máis emprego tendo o menor desemprego de todas as cidades galegas", explicou.
Tamén sobre a situación da institución, o alcalde destacou que actualmente o Concello conta con 40 millóns de euros dispoñibles para a realización de obras e actuacións na cidade, 20 de fondos europeos e outros 20 de fondos propios. "É un escenario bastante razoable para deixar a Alcaldía", sinalou Bugallo, que trasladou tamén que a súa vontade de colaboración e "disposición absoluta" para facilitar o traspaso de poderes.
FUTURO
Preguntado sobre a gobernabilidade do Consistorio nun contexto que o BNG e Compostela Aberta gobernarán en minoría, con oito concelleiros, ao non entrar o PSOE local no goberno, Bugallo sostivo que aínda que será "complicado", "todo é posible" e lembrou que el gobernou tamén en minoría, con dez concelleiros.
"Necesitará buscar pactos para temas urbanísticos e desbloquear cuestións como o concurso da auga, aprobar orzamentos e aprobar ordeanzas fiscais", dixo para lembrar que el mesmo "sufriu moito" especialmente "nos dous últimos anos".
Na súa comparecencia, Bugallo non quixo desvelar ningún detalle sobre a situación na que se atopa a agrupación local e o grupo municipal tras a perda das eleccións e nun contexto de división sobre a decisión de non entrar no goberno local. Con todo, preguntado sobre se o POSE podería entrar nun futuro no goberno, sostivo que "as cousas cambian moi rapidamente" polo que non se atreve a "asegurar nada". "O futuro escríbese día a día", dixo.
CONSTITUCIÓN DA XESTORA LOCAL DO PSOE
A xestora que dirixirá ao PSOE de Santiago tras a renuncia do ata agora secretario xeral, o alcalde en funcións Xosé Sánchez Bugallo, iniciou este venres o seu mandato baixo a presidencia de Diego Fernández. En concreto, Ferraz deu luz verde aos nomes que integrarán este órgano presidido polo secretario de Organización do PSOE provincial da Coruña, o betanceiro Diego Fernández.
Formarán parte deste órgano como vogais os socialistas composteláns Jesús Peón, Marta Álvarez Santullano, Ana Carricova, Antón Varela Tourón, Carmen Fernández Morante, así como Aitor Bouza.
A xestora deberá pilotar unha nova etapa no PSOE compostelán, na que, entre outras cousas, deberá desingar á persoa que ocupará a portavocía no Pazo de Raxoi nunha etapa na que será alcaldesa a nacionalista Goretti Sanmartín, un goberno de BNG e Compostela Aberta do que non formará parte o PSOE local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.