Os socialistas de Ames gobernarán en solitario tal como avanzara o alcalde en funcións Blas García

O PSOE gobernará con oito dos 21 concelleiros da corporación tras ser a lista máis votada o 28 de maio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2023 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O Partido Socialista gobernará en solitario o Concello de Ames , tal e como anunciou este xoves o candidato socialista e alcalde en funcións Blas García. Nunha rolda de prensa ofrecida na sede local do partido, Blas García explicou que a formación tomou esta decisión tras "varias semanas de debate interno" tanto no grupo municipal como no partido.

"Creo que temos políticas que nos diferencian do resto dos compañeiros e visto o resultado --das eleccións-- e analizado en profundade, consideramos que é un paso que debemos de tomar", sostivo. Blas García, que asegurou que se tratou dunha "decisión complicada" e que lles obrigará durante catro anos a "traballar máis", dixo que terán que negociar co resto de forzas pero que está convencido de que "a política é consenso, diálogo e negociación".

En concreto, o PSOE gobernará con oito dos 21 concelleiros da corporación tras ser a lista máis votada o 28 de maio. O PP obtivo sete edís, o BNG cinco e Espazo Común, cuxa candidatura encabezaba a exportavoz do grupo socialista, Luisa Feijóo, obtivo un concelleiro.

No anterior mandato, os socialistas, que podían gobernar só co Bloque, reeditaron o tripartido de 2015 e gobernaban con Podemos e o BNG, formación que máis creceu nas últimas municipais, ao facerse con dous concelleiros máis que os que obtivera en 2019. "Nesta ocasión o resultado é distinto, só catro forzas chegamos á corporación e despois dun debate, dunha análise e de división dentro tanto do grupo como do partido, decidimos dar este paso", afirmou Blas García.

Aínda que gobernará en minoría, o candidato socialista ten garantida a investidura nun contexto no que as direccións galegas do PSdeG e do BNG alcanzaron un acordo para favorecer a investidura de gobernos alternativos ao PP. Na rolda de prensa, ademais, o alcalde en funcións agradeceu o traballo realizado polos edís do BNG estes anos e lembrou que terán que chegar a moitos acordos durante os próximos anos para sacar adiante proxectos.

Blas García
Blas García | Fonte: Concello de Ames

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta