Cando Feijóo lle cambiou ao goberno a Rueda "tendo o mellor equipo"

O presidente da Xunta recoñece que non tiña pensado facer ningún cambio no seu executivo. Di que os novos conselleiros traballaran "con normalidade" aínda que haxa un adianto electoral a outubro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/06/2023 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

"Eu estaba moi contento co meu goberno, tendo o mellor equipo, e xa o dixen uns días antes de todos estes cambios". Así respondeu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a remodelación do seu executivo. Uns cambios que, confirmou, viñeron impostos pola decisión do ex presidente Feijóo de levar a destacados cargos da Xunta e do PP ás listas das eleccións do 23X.  

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto do PP en Santiago de Compostela
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto do PP en Santiago de Compostela | Fonte: PP

"É xente tan boa que levarán ese selo de goberno a outras responsabilidades para que asuntos ignorados polo actual Goberno de Sánchez sexan tidos en conta no futuro", dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Neste sentido, agarda "ter fechado ben" a remodelación do seu goberno aínda que, os novos conselleiros poidan ter moi pouco tempo de rodaxe se as eleccións galegas, previstas para dentro dun ano, son adiantadas a finais deste ano. "Os dous novos conselleiros tiveron xa que defender os asuntos no primeiro consello. E aquí xa estamos traballando con normalidade desde o primeiro día", dixo ante este hipotético escenario.

Sobre a elección dos vicepresidentes, e que un deles non teña unha visión económica, como Conde, dixo que mantivo o esquema que xa tiña herdado de Feijóo. "Houbo moito tempo unha vicepresidencia e era única, cando estaba eu, e no 2020 foi cando se fixo outra para darlle a unha unha orientación unha máis económica e á outra, outra máis de coordinación. E eu decidín manter esas dúas e que recaeran en dúas persoas coñecidas", dixo ao descartar que se descoide a política económica ou industrial xa que unha das consellerías é de Medio Ambiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta