Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 13:16
O BNG esixe á Xunta que "cese o trato de favor" a Monbus ante o "vendaval xudicial" polas anulacións de adxudicacións de varios lotes de transporte escolar. Tras facer públicos o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tres fallos que anulan contratos relativos ao transporte escolar, o deputado do Bloque Paulo Ríos destacou que estas adxudicacións "suporían uns 6 millóns de euros", pero que prevé "que en curto tempo saian outras sentenzas coa mesma resolución no mesmo sentido".
Por iso, os nacionalistas critican que o Goberno galego "por unha banda lle regale contratos (a Monbus) cando non está en disposición de facelo e por outro encobre as diferentes irregularidades que se cometen todos os días".
Neste escenario, e ante o anuncio de recursos de casación, Ríos, en rolda de prensa, avisou: "Nunha situación de incerteza, o caos está servido". Así, "todo dependerá dos tempos en que se resolvan estes recursos", pero deu por feito que ao comezo do curso que vén "volveranse a vivir situacións de auténtico caos".
"PUNTA DO ICEBERG"
Ríos, que é portavoz de mobilidade do grupo parlamentario do BNG, Paulo Ríos, lembrou que hai semanas outra sentenza falaba de "conivencia" da Xunta en relación coa "repartición de mercado" por parte de Monbus e Alsa, e o Bloque xa advertiu de que era "só a punta do iceberg".
Agora, ven "na obrigación de volver saír", cando de feito levan "anos acusando á Xunta de trato de favor coa empresa Monbus". Neste sentido, lamenta que o Executivo autonómico "insiste en que cumpre escrupulosamente a lei", polas declaracións desta mesma semana da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.