Esta é a historia dun ERTE "fraudulento" en Carrís Hoteles case catro anos despois da Covid

Afectados denuncian a situación de "fraude" e "desamparo" que viven desde o comezo da pandemia, e que fai que leven máis de seis meses sen cobrar ningún tipo de prestación económica.

Por José Barros Blanco | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado 15 de marzo de 2020, despois de que o Consello de Ministras decretase o estado de alarma en todo o territorio do Estado español con motivo da emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus, milleiros de empresas acolléronse ao mecanismo dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) para intentar paliar os custos derivados da inactividade laboral.

Hotel Carrís Beiramar
Hotel Carrís Beiramar

Unha desas moitas empresas foi Carrís Hoteles, unha compañía que conta con inmobles nas cidades de A Coruña, Ferrol, Oporto, Ourense e Santiago de Compostela. Tanto os cadros de persoal dos diferentes hoteis como os do servizo central da empresa entraron nun primeiro ERTE mentres durou a continxencia sanitaria, ao igual que outros varios millóns de traballadores e traballadoras.

Porén, un traballador de Carrís Hoteles que se puxo en contacto con Galicia Confidencial denuncia que “case catro anos despois, polo menos seis traballadores seguimos encadenando ERTEs obrigados pola empresa, o último con fecha de remate en decembro de 2023”. Este traballador sinala directamente ao dono da compañía, Juan Luis Viñas Landín, e acúsao de empregar de maneira fraudulenta o mecanismo recollido na reforma laboral para “obrigarnos a dimitir sen ter que que pagar unha indemnización”.

“O que quere é extinguir eses postos de traballo sen que iso repercuta economicamente na empresa”, engade o traballador, que defende que non existen criterios obxectivos para que a empresa xustifique que os seis traballadores e traballadoras teñan que continuar nun ERTE.

INFORME DA INSPECCIÓN DE TRABALLO

Segundo explica este traballador, a finais de novembro do ano pasado, un informe da Inspección de Traballo que “constataba todo o proceso irregular detrás da aplicación destes ERTEs obrigou á Xunta de Galicia a entrar no caso e presentar unha denuncia”. Nese informe, que aínda non é público xa que non existe unha sentenza firme, “recóllense unhas conclusións demoledoras sobre as situacións laborais que se están a vivir no seo da empresa, e que indican que a entidade pública foi consciente de varios elementos que poden ser constitutivos de fraude”, en palabras do traballador afectado.

Desde o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) trasladóuselles aos seis traballadores afectados polo ERTE que non teñen constancia na súa base de datos dun expediente que se prolongara durante tanto tempo de maneira continuada. “Estamos falando de que máis que dun ERTE trátase dun ERE incuberto”, lamenta o traballador. Unha traballadora do SEPE consultada por Galicia Confidencial e que tamén preferiu non dar o seu nome constata que nos arquivos do servizo público de emprego non existen expedientes dunha duración tan longa.

SEN PRESTACIÓNS ECONÓMICAS

Por outra parte, o traballador de Carrís Hoteles sinala que, tras a denuncia da Xunta, o SEPE paralizou a prestación de axudas aos seis traballadores afectados polo ERTE “mentres o procedemento xudicial siga aberto”. “Levamos máis de medio ano sen recibir ningún tipo de ingreso económico e sen vistas a saber cando rematará esta situación, xa que polo de agora non temos unha sentenza e o actual expediente remata en decembro deste ano”, lamenta.

Consultada a traballadora do SEPE antes citada, esta confirma a Galicia Confidencial que a apertura dunha causa xudicial obriga a paralizar a prestación de axudas mentres non haxa unha sentenza firme. Para o afectado, “a nosa situación, polo menos ata o de agora, demostra que un traballador no Estado pode estar nun ERTE durante toda a súa vida laboral sen que ninguén faga nada”. 

Outra das situacións que denuncian os traballadores afectados polo actual ERTE, e que foi corroborado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) é que a comisión negociadora dos ERTEs de Carrís Hoteles está formada pola persoa responsable de Recursos Humanos e o xefe de Administración da compañía hoteleira. "Na práctica é imposible que exista unha negociación real cando estas dúas persoas defenden os intereses da mesma parte, a empresa, e non dos traballadores e traballadoras afectados".

O traballador explica que xa se intentaron poñer en contacto co Ministerio de Traballo e coa titular da carteira, Yolanda Díaz, sen que esta nin ninguén do seu departamento devolvesen a comunicación para intentar resolver a situación. “Sentímonos abandonados pola nosa empresa, polo SEPE, polo Ministerio de Traballo... Quizais o feito de que só sexamos seis e non fagamos ruído nos medios provoca que ninguén nos faga caso”, conclúe con resignación este traballador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta