Sanmartín declara que Alba de Compostela se "pode realizar por fóra" do regulamento de condecoracións

A alcaldesa de Santiago de Compostela declarou que "o problema é que houbo unha mala lectura do informe".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2023 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, esgrimiu a potestade da Alcaldía para poder organizar o acto Alba de Compostela do 25 de xullo. Tras un informe do secretario municipal sobre a lexitimidade do evento, a rexedora apunta que este acto se "pode realizar por fóra do regulamento" de Títulos, Honras e Condecoracións debido á postestade do goberno local para organizar actos oficiais como este.

"O problema é que houbo unha mala lectura do informe. O que di, respondendo as preguntas dos grupos da oposición, é que hai que seguir un procedemento e un expediente naquelas honras que están dentro do regulamento de 'honras e condecoracións', pero este acto non esta dentro do mesmo, como tantas outras que se fan", detallou a alcaldesa. Ademais, Sanmartín puxo como exemplo os actos que fai a corporación, como o recoñecemento do 8M, onde se fan "sen estar na liña do regulamento de honras e condecoracións do Concello".

Segundo a alcaldesa, o informe limitouse a contestar os puntos e preguntas "moi concretas", que realizou a oposición, aos que o secretario respondeu que "o que se faga dentro do regulamento de honras e condecoracións ten que seguir o procedemento que marca o regulamento", pero discrepou coa oposición, que lle cuestiona a lexitimidade do acto, porque detallou que o mesmo "non indica que non se pode facer e ademais non llo preguntaron".

"O secretario estivo presente en todas as reunións que se fixeron pola creación do acto cos portavoces dos partidos. Nela trasladáronse todas as dúbidas sobre o acto e o secretario dixo que é un acto que se pode facer perfectamente", argumentou Sanmartín. Na mesma liña, a rexedora compostelá valorou que para as próximas edicións deste acto gustaríalle " incluílo dentro do regulamento" e desa forma poder darlle tratamento oficial.

PP: "ACTO ILEGAL"

Por outra banda, o líder do PP en Santiago de Compostela, Borja Verea, cualificou de "demoledor e explícito" o informe xurídico emitido polo secretario do concelloPara Verea, o informe é "claro" e argumentou que "non se poden conceder esas condecoracións porque son ilegais". Ademais, expresou que o PP espera que "pidan desculpas a toda a cidade por tentar atentar non só contra a lei, senón tamén contra a nosa emotividade e simboloxía".

Neste sentido, o portavoz dos populares composteláns advertiu que "se ao BNG se lle pasase pola cabeza seguir adiante, faríao a propósito de que é ilegal porque é público e notorio despois deste informe que non se poden dar condecoracións sen seguir o procedemento". "Facer o acto sabendo isto é ilegal, ten un nome no código penal e facer calquera gasto de fondos ou recursos públicos para facer un acto ilegal sería un desvío de caudais públicos que non pode facer ningún cargo nin ningún funcionario", sentenciou Verea.

COMUNICADO DO CONCELLO

Consecuentemente, o Concello de Santiago de Compostela enviou un comunicado para transmitir a versión oficial sobre o informe municipal. "As conclusións da consulta realizada ao secretario municipal sobre a lexitimidade do evento institucional 'Alba de Compostela' previsto para o Día de Santiago confirman que a Alcaldía é o órgano competente para convocar os actos públicos oficiais organizados polo Concello", dita o comunicado.

Ademais, aclara que a súa organización se basea nas normas de protocolo local, segundo sinala o informe, e que no caso de actos que teñan por obxecto a concesión ou imposición de títulos e honras, aplicaranse as previsións do Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións.

En concreto o comunicado conclúe que "a Alcaldía e, no seu caso, o goberno municipal, poden organizar actos oficiais distintos dos previstos no Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións, como é o caso da 'Alba de Compostela', do 25 de xullo".


-

Galardoes Alba de Compostela, o 25 de xullo. CONCELLO DE SANTIAGO
Galardoes Alba de Compostela, o 25 de xullo. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta