O BNG propón a Carme da Silva como senadora tras non obter representación no Congreso

"Vou facer xusto o contrario do que fixo o señor Feijóo, que era senador por Galiza pero nunca presentou ningunha proposta ou iniciativa en defensa deste País", di.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/07/2023 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O BNG propón a Carme da Silva como senadora por designación autonómica unha representación que lle corresponde ao formación nacionalista en función do resultado das eleccións galegas de 2020, nas que o Bloque se converteu na segunda forza con 19 escanos no Parlamento.

Carme da Silva
Carme da Silva | Fonte: BNG

O BNG aposta por Carme da Silva logo de que non acadara representación no Congreso, tras ir de número un na lista do Bloque por Pontevedra. Da Silva ten unha dilatada experiencia política e tamén parlamentaria: foi deputada entre 2005-2009 e tamén exerceu como  deputada en 2012 durante a VIII Lexislatura, concelleira no Goberno local de Pontevedra, onde na actualidade é responsable da Concellería de Planificación Territorial.

Ademais é tamén a responsable da área de Política Municipal dentro da Executiva nacional e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio. "Con Carme da Silva como senadora o BNG completa a súa representación en Madrid, despois de obter un escano reforzado no Congreso con Néstor Rego como deputado, e aproveitará que se trata dunha cámara de representación territorial para facer valer tamén no Senado os intereses de Galiza", indica o BNG nun comunicado.

Con esta decisión, a formación que lidera Ana Pontón aposta por unha muller "de longa traxectoria política, con moita experiencia tanto no ámbito institucional como de xestión, unha voz forte e solvente para visibilizar Galiza tamén na Cámara alta".

"FACER VALER OS INTERESES DE GALICIA"

A que será designada senadora no Pleno desta semana, agradeceu ao BNG a confianza para asumir esta responsabilidade como senadora autonómica “que asumo co máximo compromiso e coa intención de dar o mellor de min para facer valer os intereses dos galegos e das galegas en Madrid, neste caso desde o Senado”. 

No BNG somos conscientes de que é unha Cámara con moitas limitacións, pero imos espremer ao máximo as posibilidades que nos da o Senado para defender aqueles asuntos que máis lle interesan a Galiza, en todos os ámbitos: nas infraestruturas, no económico, no social”, indicou.  "Para que se me entenda, vou facer xusto o contrario do que fixo o señor Feijóo, que era senador por Galiza pero nunca presentou ningunha proposta ou iniciativa en defensa deste País", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta