Nova sede para o Celta

Os socios do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo aproban a venda da súa sede en Príncipe ao club celeste, que pagará cinco millóns de euros por un edificio na rúa Príncipe.

Por gcdeportes | Vigo | 20/04/2015 | Actualizada ás 09:06

Comparte esta noticia

Nova sede no centro de Vigo. A piques de rematar coa débeda concursal (a finais de tempada quedaranlle por pagar 3,8 millóns dos 43 iniciais), o Celta investirá 5 millóns de euros para adquirir un céntrico edificio na rúa Príncipe. Os socios do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo aprobaron este domingo, nunha asamblea extraordinaria, a venda da súa sede principal, sita na céntrica rúa Príncipe, ao Celta de Vigo, que pagará polo edificio cinco millóns: 3,75 millóns no intre da compra e o resto en catro pagarés ata abril de 2019.

A venda do edificio, rexeitada polos socios nunha primeira votación a finais do ano pasado, contou desta volta co apoio de 289 socios dos 452 que votaron, con 121 votos en contra, 38 que optaron pola outra oferta, dous votos en branco e outros dous nulos. O club celeste presentou esta segunda oferta, co mesmo prezo que a primeira, a petición do propio Círculo Mercantil, que necesita os cartos para evitar o concurso de acredores.

Sede de Círculo Mercantil na rúa Príncipe de Vigo.
Sede de Círculo Mercantil na rúa Príncipe de Vigo.

O presidente do Celta, Carlos Mouriño, anunciara o pasado vernes que coa compra da nova sede o club deixará o chalet que ten alugado na praza de España, polo que paga 16.000 euros. Mouriño anunciou que o edificio de Príncipe contará cun ‘café Celta’ para os socios, a tenda oficial ou a policlínica, entre outros servizos, ademáis da residencia para a canteira, que actualmente está nun colexio de Pontevedra. “Servirá para achegar o club á cidade e aos afeccionados”, dixo o presidente celeste sobre a nova sede.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta