Xunta e Goberno central colaborarán na actualización do Catastro

O Goberno galego destina 3 millóns nunha nova convocatoria para modernizar as explotacións especializadas en produción vexetal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2023 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, e a Secretaría de Estado de Facenda, mediante a Dirección Xeral do Catastro, colaborarán no establecemento de procedementos de intercambio de información e actualización de datos catastrais.

Será pola vía dun convenio de colaboración que este xoves se analizou na reunión semanal do Goberno galego e que se asinará conforme o establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Esta norma permitirá iniciar a actualización do Catastro, unha cuestión que é competencia exclusiva do Estado, a través do Ministerio de Facenda e Función Pública, pero no que Galicia quere colaborar. Así, levará a cabo procedementos administrativos de revisión de titularidade, xeométrica e topográfica, daquelas parcelas en que exista un interese de recuperación e posta en valor.

A Xunta lembra que a lei establece que, tras ese proceso de revisión, notificará os resultados da investigación ao Ministerio para que proceda á actualización do Catastro, unha antiga demanda da cidadanía e, en concreto, dos propietarios de parcelas do rural.

Este proceso realizarase a través da formalización deste convenio entre a Xunta e o Estado, para facilitar a información recompilada e actualizar con ela o Catastro.

EXPLOTACIÓNS DE PRODUCIÓN VEXETAL

O Goberno galego tamén destinará tres millóns de euros a unha nova convocatoria de axudas para modernizar as explotacións especializadas en produción vexetal.

O Consello da Xunta analizou este xoves un informe da Consellería do Medio Rural sobre a convocatoria para o ano 2023, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) en breve.

Con estas axudas, aspírase a apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en cultivos destinados á alimentación humana e á produción de plantas ornamentais e de flor cortada.

A cidade de Lugo en 1753 no Catastro da Ensenada
A cidade de Lugo en 1753 no Catastro da Ensenada | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta