Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2023 | Actualizada ás 13:58
O 85% dos fogares galegos ten conexión a internet, sumando máis de 917.000 vivendas, unha porcentaxe que varía dependendo da zona xeográfica, xa que na área de Santiago supera o 91%, mentres que no sur de Ourense baixa ao 71%.
Así se desprende da Enquisa estrutural a fogares sobre novas tecnoloxías publicada este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), recollida por Europa Press, que expón datos de 2022 sobre o uso de Internet, do teléfono móbil e doutros aspectos tecnolóxicos.
Segundo este estudo, os motivos polos que os fogares galegos non teñen conexión é porque non o necesitan, cun 52,30% dos casos, ou porque teñen poucos coñecementos para usala, cun 50,86%. Ademais, case un 49% asegura que non a queren nas súas casas.
O uso de internet está máis estendido entre os mozos de 15 a 24 anos, xa que o utilizaron no últimos tres meses o 99,74%. Entre os nenos de 5 a 14 anos esta porcentaxe é do 87,33%. Con todo, a súa utilización vai diminuíndo segundo aumenta a idade, xa que só un 38,8% dos maiores de 65 anos conectouse no últimos tres meses.
En cando á realización de compras na web, o 37% dos galegos de máis de 16 anos realizou algún tipo de transacción no últimos tres meses. Se se ten en conta só aqueles que usaron internet, esta cifra sobe ao 47,2%.
TELÉFONO MÓBIL
En 2022, o 86% da poboación de Galicia utilizaba o teléfono móbil, unha porcentaxe que se duplicou nos últimos 20 anos. Respecto ao computador, o 27,5% dos galegos de cinco ou máis anos manifestou non usalo, mentres que máis do 60% fíxoo no último mes.
Entre outras cifras, o 71% dos galegos de máis de 16 anos proporcionou datos persoais por internet e o 61,5% proporcionou datos de pago no 2022. Así mesmo, case o 71% do total da poboación galega realizou xestións ante as administracións ou organismos públicos a través da rede. Esta porcentaxe é moi superior ao rexistrado en 2018, que quedaba no 51%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.