Deteñen a proxección dunha película nun cinema de Vigo tras un altercado por entrar con comida

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2023 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia



A Policía Local de Vigo tivo que actuar o pasado xoves no Centro Comercial Vialia, en Vigo, tras producirse un altercado entre os empregados do cinema e uns clientes que querían acceder con comida.

A Central de Información e Mando da Policía Local de Vigo recibiu o aviso sobre as 18,30 horas. Ao chegar ao lugar, os axentes observaron que se estaba producindo unha "discusión acalorada" entre un grupo de persoas e os empregados do cinema.

Nun primeiro momento, disolveron o tumulto e, a continuación, procederon a identificar a ambas as partes. Así, os clientes expuñan que non había ningún tipo de altercado, senón que se trataba dun malentendido por mor de que levaban comida procedente doutro establecemento, manifestando que non tiñan coñecemento da prohibición de entrar con comida allea e que non estaban de acordo con esta norma.

Pola súa banda, os traballadores da sala explicaron que os mozos comezaron a discutir con eles e iso producira "un efecto chamada" entre o resto dos asistentes da sala de proxección e, como consecuencia disto, creouse unha situación "moi tensa" que obrigou á paralización da película que se estaba proxectando.

Finalmente, os axentes informaron da normativa en vigor e da forma de proceder, comunicando aos implicados a posibilidade de presentar as queixas que consideren a través da correspondente folla de reclamacións do establecemento.

Butacas nunha sala de cinemas
Butacas nunha sala de cinemas | Fonte: pantallas - EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta