Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/04/2015 | Actualizada ás 09:00
1,9 millóns de euros. Ese é o diñeiro que o Goberno galego destinará para seleccionar a tres empresas especializadas en captación de investimentos estranxeiros en Galicia nos próximos dous anos.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Núñez Feijóo explicou que o seu goberno busca tres empresas que se centren na busca de mercados nos campos industrial e manufactureiro, con atención ao naval, á automoción e á aeronáutica; o sector terciario, centrado na biotecnoloxía, as TIC e a saúde; e un terceiro dedicado ao sector primario, con atención ás industrias agroalimentarias e á madeira, entre outros.
“Non queremos que traballen de forma illada, senón que integren o seu labor nas distintas liñas en marcha da Xunta”, dixo Feijóo sobre estas empresas que recibirán un 60% fixo e un 40 por cento corresponderá a variables, en función do capital que logren atraer.
Sinalou, ademais, que a Xunta creará unha comisión internacional de investimento, que estudará calquera tipo de iniciativa que chegue a calquera departamento autonómico para lograr o obxectivo de aumentar o investimento estranxeiro nun 25%.
Por outra banda, tamén anunciou un plan para fomentar a instalación das empresas galegas en polígonos industrias. Unha medida que chega logo de que se coñeza a intención de varias empresas galegas de instalarse en zonas fronteirizas de Portugal polas mellores condicións fiscais e laborais.
Neste sentido, anunciou un aumento de oferta de chan empresarial coa incorporación de 0,5 millóns de metros cadrados en 21 parques dependentes do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Estas parcelas, do mesmo xeito que as dependentes de Xestur, terán rebaixas de entre o 30 e o 50%, así como novas fórmulas de comercialización, como adquirir o dereito de superficie en lugar da titularidade da parcela, un método que xa se emprega en Portugal.
Trátase dunha fórmula empregada nalgúns lugares de Portugal, e segundo suliñou o presidente galego, o que se trata é de que as empresas galegas tamén teñan os mesmos incentivos que no país veciño que está a captar ás empresas galegas.
Precisamente, e preguntado por esta cuestión, Feijóo suliñou que non ten datos sobre o número de empresas que se instalaron ou se queren instalar en Portugal, pero suliñou que estas medidas aprobadas polo Consello da Xunta teñen como obxectivo reducir o prezo dos parques empresariais para evitar, precisamente, esta fuga.
En todo caso, tamén aclarou que outro factor que leva ás empresas galegas a Portugal son os baixos salarios, “algunhas veces a metade do que se cobra en Galicia”, dixo, “e iso, por suposto, non estamos pola labor de baixalo”, dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.