O BNG presenta un informe do Concello de Pontevedra para "tombar" a proposta do PSdeG de cambio do mercadillo

Os socialistas presentaran unha moción para o vindeiro pleno. A edil nacionalista Anabel Gulías acusa aos socialistas de "instrumentalizar" aos vendedores ambulantes.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 09/08/2023 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, deu conta este mércores en rolda de prensa do informe elaborado de oficio pola Secretaría do Pleno no que tomba a moción que o grupo municipal do PSOE en Pontevedra levará ao próximo pleno para solicitar o traslado definitivo do mercadillo ambulante á Alameda.

A moción presentada pola concelleira Yoya Branco, responsable de mercados no anterior mandato, solicitaba a modificación do artigo 5 da ordenanza de venda ambulante vixente, que data do ano 1997, para establecer a Alameda como lugar principal para a organización deste mercadillo, así como establecer Campolongo como lugar alternativo cando a Alameda estea ocupada con outras actividades. Así mesmo, piden tamén incluír estes emprazamentos no texto da nova ordenanza, que se atopa en trámite de aprobación.

O informe da Secretaría do Pleno establece a "inviabilidade" da proposta presentada polo PSOE. Concretamente, nas súas conclusións o informe di que "a proposición presentada contempla unha alegación á ordenanza en tramitación presentada despois do prazo de exposición pública. Procedería, por tanto, a súa inadmisión por extemporánea".

"INSTRUMENTALIZADOS"

Anabel Gulías asegurou que no Goberno Local de Pontevedra "lamentamos profundamente" a situación xerada e advertiu aos vendedores ambulantes que "creo que neste momento están a ser instrumentalizados, utilizados politicamente".

A concelleira de Promoción Económica apuntou que "se se lles está dicindo que isto vai ser cuestión de días, que no próximo pleno vaise a arranxar, teñen que saber que é falso, que non é certo e que xa non é unha cuestión de opinión senón técnica".

AVENIDA DE BUENOS AIRES

A concelleira de Promoción Económica lembrou que "segue en pé" a proposta de situar a feira na avenida de Buenos Aires como emprazamento alternativo que "estamos dispostos a facilitar para canto antes sexa posible", dixo. "Eu son concelleira de Pontevedra non son concelleira da feira" subliñou Anabel Gulías antes de lembrar que a proposta do Concello despois de consultar a todos os sectores afectados "é buscar unha localización que xere sinerxías".

Un mercadiño de venta ambulante
Un mercadiño de venta ambulante | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta