Coidado nas vacacións: 10 cousas que fas sen darte de conta e polas que podes ser multado

Sabías que non podes lavar o coche nin cambiarlle o aceite na rúa? E que non podes estar estacionado durante moitos días no mesmo sitio? Estas e outras moitas actuacións poden saírche caras.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 12/08/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Saltarse as normas de tráfico pode supoñer unha sanción, isto non é ningunha novidade. Cousas como superar o límite de velocidade permitida nun tramo, mirar o móbil mentres se vai conducindo ou circular baixo os efectos do alcol son algunhas das multas máis numerosas e comúns interpostas polos axentes da Garda Civil de Tráfico, pero hai outras que de seguro non sabes e podes estar facendo mal sen enterarte. A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) xa fixo un listado por prioridades:

Imaxe dunha aspirante a obter o carné de conducir, xunto a un profesor
Imaxe dunha aspirante a obter o carné de conducir, xunto a un profesor | Fonte: AUTOESCOLA ONROAD - Arquivo

1.- En primeiro lugar, debes ter coidado se este verán en días de moito calor optas por conducir, por exemplo, en bikini ou en bañador para non abafar no coche e non ter que poñer o aire acondicionado (que queiras que non consume). Conducir con pouca roupa é punible, pois o Regulamento Xeral de Circulación obriga a que a roupa permita manter unha adecuada liberdade de movementos: ir sen camiseta ou en chancletas pode impedir manobrar con seguridade, do mesmo xeito que ir con abrigo moi gordo en inverno. A sanción? Entre 80 e 200 euros de multa.

2.- Por outra banda, ollo con ir comendo algo, sonando os mocos ou fumando e pasárseche pola cabeza tirar os residuos pola fiestra. Tirar obxectos pola ventá está prohibido polo Regulamento. Pero non só iso, senón que aínda que pares o coche para deixar fóra del o lixo, tamén estarías penalizado, pois non se poden depositar obxectos na vía. Arroxar cabichas pode supor non só unha sanción de 500 euros, senón tamén a retirada de 6 puntos.

3.- Así mesmo, nunha sociedade na que cada vez se pode prescindir menos do uso do teléfono móbil, levalo na man aínda que non se estea facendo uso del é frecuente. Pero coidado, pois suxeitar o móbil coa man, aínda que non se esté chamando por el nin usándoo, supón ata 200 euros de multa e a retirada de 6 puntos. E non penses que se o agochas cando ves a un axente te librarás, pois cada vez hai máis e máis cámaras de control do uso do móbil. Se queres preguntar a un amigo onde está antes de chegar á festa ou á praia, para o coche a un lado.

4.- Ata o de agora todas parecen sancións bastante lóxicas e coñecidas para moitos usuarios das estradas galegas, pero agora vén o bonito. Sabías que lavar o coche na rúa tamén está prohibido? Como pode ser, preguntaraste? Pois si, está prohibido que se non tes horta queiras facer uso da vía pública para lavar o coche, do mesmo xeito que tampouco podes cambiar o aceite en plena rúa. Así que xa sabes, se o coche che pide renovar o aceite e se che pasa pola cabeza mercalo na gasolineira e botarllo... Mellor espera a chegar á casa. A multa destes comportamentos depende dos concellos, pero pode chegar aos 1.000 euros se consideran que se están tirando residuos contaminantes á vía pública.

Control de tráfico en Pontevedra, na campaña de verán
Control de tráfico en Pontevedra, na campaña de verán | Fonte: Arquivo

5.- Do mesmo xeito, outra acción moi reiterada e que é motivo de multa e pitar para saudar a alguen cando se vai no coche. Usar o claxon sen motivo xustificado (é dicir, sen avisar a un condutor dun perigo ou a un peatón do paso do vehículo) pode acarrear 80 euros de sanción. Xa non digamos se o pitido se produce durante a noite, perturbando as horas de descanso dos veciños. Ata fai pouco era moi habitual nas curvas pronunciadas onde non había visibilización pitar para avisar aos coches que puidesen vir de fronte de que iamos pasar, pero iso acabouse.

6.- Tamén hai que ir con ollo se atopamos unha praza de aparcamento ideal na rúa cando chegamos ao noso destino de vacacións e pensamos en non mover o coche de alí en todo o tempo. E é que deixar o coche aparcado na rúa moitos días tamén supón unha infración. Aínda que non soen sancionar por iso, si que hai moitas ordenanzas municipais nas que existe un límite de tempo de estacionamento na rúa. Especialmente en zonas turísticas. É algo así como cando vas ao ximnasio e só podes usar a mesma máquina durante 20 minutos para deixarlle paso aos demais. 

7.- Outra acción punible, común pero coñecidamente prohibida é comer mentras se está conducindo. Sabemos que na sociedade actual onde as prisas son as raíñas e donas do noso tempo, ás veces parece que non queda máis tempo para levar algo á boca que no traxecto cara un destino, pero isto é algo que pode impedir manter a atención permanente na conducción, o que supón un perigo para a seguridade viaria e, por tanto, leva consigo unha multa de 80 euros.

8.- Ollo se tes calor e o aire do teu coche non é suficiente para refrescarte este verán, nin se che ocorra botar a man pola ventanilla. Conducir cunha man ou co brazo na ventá é punible, pois Tráfico asegura que este xesto dificulta manter a correcta posición para a conducir, que é tendo ambas as mans no volante. Aínda que teñas xa moi coñecida a estrada e poidas facer o traxecto cunha soa man ao volante, por sinxelo que sexa, mesmo se é en liña recta, usa as dúas, ou a sanción será de 80 euros.

9.- Por outra banda, algo que de seguro non sabías que se podía penalizar con multas é o feito de circular polo carril esquerdo ou central cando o da dereita está libre. Unha vez que se adianta a un coche nunha autovía ou nunha autopista soe acontecer que ao ver a vía libre xa nos quedamos no carril da dereita (que tamén adoita estar mellor conservado e con menos buratos porque ten menos tráfico), pero non debemos facelo. A xustificación? Tráfico di que pode propiciar manobras perigosas, por exemplo, se non nos damos conta de que alguen vén máis rápido ca nós por detrás e ten que frear en seco ou botarse á dereita de súpeto para adiantarnos. Por tanto, a multa é de 200 euros.

10.- Finalmente, outra acción punible lóxica sería cruzar fóra dos pasos de peóns, así como andar por autovías, xa sexa do lado do arcén ou no lado dereito da estrada. Todo isto supón sancións de 80 euros. Así que xa sabes, se se acaba a beirarrúa e queres circular por unha estrada, cruza á esquerda. E non teñas presa por chegar aos sitios atravesando por onde non debes, busca un paso de peóns e agarda a que se poña en verde, pois cruzar en vermello serían 200 euros. Tampouco penses que camiñar por un carril bici é boa idea, ao estar máis despexado de xente nas zonas turísticas, pois aparte do risco que supón de que te atropele unha bici, tamén ten risco económico: outros 200 euros.

Control da Garda Civil de Tráfico en Galicia
Control da Garda Civil de Tráfico en Galicia | Fonte: GARDA CIVIL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta