Novas axudas para a participación de creadores galegos en residencias literarias fóra de Galicia

A Xunta de Galicia creou unha nova liña de axudas para apoiar aos creadores galegos no seu labor de difusión da cultura galega fóra da Comunidade e para impulsar as relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2023 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia creou unha nova liña de axudas para apoiar aos creadores galegos no seu labor de difusión da cultura galega fóra da comunidade e para impulsar as relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia. En concreto, explican nun comunicado, facilitarase a participación de escritores, tradutores, deseñadores gráficos ou ilustradores en residencias literarias que se realicen fóra de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia publicou as bases desta nova iniciativa coa que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsa a participación dos creadores nestas residencias para que contribúan a "difundir a riqueza e calidade da creación literaria galega acutal e facilitarlles espazos adecuados de traballo en institucións de prestixio para apoiar o desenvolvemento dos seus proxectos, a formación ou o acceso a novos coñecementos".

Estas axudas, no marco dos obxectivos do Plan Xeración Cultura, "contribúen a apoiar o talento creativo e a divulgar fóra o traballo feito en Galicia". "Ademais, impulsan as relacións entre institucións e profesionais do sector e amplían a novos territorios e públicos a actividade cultural galega", apuntan.

As axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e, entre os criterios de valoración, inclúense, por exemplo, o perfil da entidade ou institución para a que se solicita a estancia, valorando o seu prestixio e singularidade así como a súa aposta pola innovación. Tamén se atenderá ao perfil do candidato, a súa carta de motivación e a súa proposta de proxecto que desenvolverá durante a súa residencia. Neste sentido, valorarase o currículo e os obxectivos que espera alcanzar no seu desenvolvemento profesional e creativo.

Así mesmo, teranse en conta os aspectos formativos da residencia literaria (perfil do profesorado, instalacións para talleres ou lugares de traballo, materiais e equipos...). A orde de axudas conta cun investimento global de 20.000 euros. Entre os gastos que se financian inclúense os de viaxe ata o lugar da residencia e de transportes para desprazamentos na localidade onde se realiza a residencia, así como de aloxamento e manutención ou póliza de viaxe e de seguro médico.

As subvencións adxudicaranse por orde de puntuación, asegurando que o importe final adxudicado a cada persoa beneficiaria sexa o 80 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria. O importe máximo co que se subvencionará a cada beneficiario por cada estancia na que participe será de 5.000 euros e non se admite máis dun proxecto por beneficiario.

Os solicitantes deberán contar coa aceptación expresa de participación na residencia e deberán presentar un proxecto de creación por estancia. Tamén terán o compromiso de publicar a obra resultante do proxecto por parte dunha editora legalmente constituída, feito que deberán confirmar de forma expresa para que as solicitudes sexan tomadas en consideración. As obras resultantes das estancias deberán estar realizadas en galego e os autores responderán da orixinalidade e autoría do proxecto. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de outubro de 2023.

Libros
Libros | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta