En regulación a obtención de medicamentos humanos para tratar animais por parte dos veterinarios

As clínicas ou hospitais veterinarios soamente poderán adquirir a cantidade que estritamente precisen para completar o tratamento do animal para o cal foi prescrito.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2023 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade ten en trámite un decreto para regular os procedementos e controis para que os veterinarios poidan solicitar, para aplicalos a animais, medicamentos de humanos que sexan só de uso hospitalario. De acordo co texto, será para aplicar aqueles fármacos que sexan de "prescrición excepcional" por "baleiro terapéutico", é dicir, que non haxa medicación dispoñible para o caso. Non se aplicará a antimicrobianos para determinadas infeccións en persoas.

A tramitación deste proxecto de decreto atópase en fase para que a cidadanía ou calquera interesado emita as súas suxestións desde este luns e ata o próximo 8 de setembro. A subministración destes medicamentos realizarase a través dunha oficina de farmacia que estea legalmente autorizada e vinculada á clínica ou hospital veterinario no que se prescriba. Ademais, só poderá fornecerse con prescrición previa e "en ningún caso poderá porse en risco o abastecemento" do produto en cuestión para seres humanos.

As clínicas ou hospitais veterinarios soamente poderán adquirir a cantidade que estritamente precisen para completar o tratamento do animal para o cal foi prescrito. Só poderán solicitar estes medicamentos as clínicas ou hospitais que estean autorizados pola Xunta, para o que deben presentar unha solicitude de maneira electrónica.

Será a xefatura territorial da Consellería de Sanidade a que, tras solicitar os respectivos informes aos departamentos en materia de benestar animal e de saúde pública, emita unha proposta de resolución que aprobará, finalmente, a Secretaría Xeral Técnica de Sanidade. En calquera caso, as xefaturas territoriais das consellerías que interveñen neste expediente poderán propor, de oficio ou a instancia dalgunha parte implicada, a revogación da autorización se se perden as condicións que deron acceso a ela.

O proxecto de orde tamén establece un réxime de responsabilidades. Así, as farmacias deberán garantir a subministración destes medicamentos sempre que llos soliciten polo procedemento regulado e terá que facerse cargo dos medicamentos no caso de que xa non faga falta para o tratamento, que se peche o establecemento ou que se revogue a súa autorización.

Por outra banda, os veterinarios terán responsabilidade sobre a seguridade do medicamento e a obrigación de rexistrar os datos do animal a tratar e de non empregar o mesmo fármaco nun paciente diferente para o que foi prescrito. Ademais, deberán conservar as copias das prescricións durante cinco anos. Os eventuais incumprimentos deste decreto, aínda en trámite, sancionaranse conforme ás leis galegas de saúde e de ordenación farmacéutica.

Varias vacas durante o ordeño na gandaría
Varias vacas durante o ordeño na gandaría | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta