Por Galicia Confidencial | Galicia | 19/06/2008 | Actualizada ás 19:14
Por iso, son varios os grupos que coquetean coa Xunta, especialmente, co BNG. Aí está o consorcio entre Manuel Jove (Inveravante), Jacinto Rey (San José) e Epifanio Campo (Nueva Cerámica), xuntamente con Ence; a de Gaelsa con Jove, Manuel Cortizo (Aluminios Cortizo) e Jacobo Couceiro (Alcuba); o de Gas Natural e o Pastor; o do grupo Andavia, formado por Gómez Franqueira (Coren), José Luis Suárez (Copasa) e o grupo Tojeiro ou o do presidente de Inditex, Amancio Ortega, que estará co proxecto de Capital Energy.
Algúns destes grupos teñen posto enriba da mesa propostas concretas se as súas ofertas saen adiante. É o caso de Ence, Rey, Campo e Jove que prometeron trasladar a celulosa de Pontevedra. Una iniciativa que non sentou ben entre as filas socialistas. E é que o concurso eólico será resolto por Industria, a consellería que dirixe Fernando Blanco, do BNG.
A política, como trasfondo
De feito, unha dos principais argumentos que manexaron varios conselleiros do PSOE para instar a Touriño a adiantar as eleccións a outubro era, precisamente, evitar que os nacionalistas manexaran esta materia. De celebrarse en outono os comicios, o concurso quedaría adiado ata a conformación do novo goberno. Neste novo escenario os socialistas confían en igualar posicións co PP e ter unha posición máis ventaxosa para negociar un novo bipartito co BNG, no que a Consellería de Industria sería un dos pasteis máis codiciados.
Nas últimas semanas teñen sido moitas as xuntanzas entre grandes empresarios galegos e líderes do BNG. Unhas reunións que teñen alertado aos socialistas porque, ata agora, o grande capital galego aínda non acaba de confiar nos nacionalistas coma forza de goberno. Esta situación, segundo fontes consultadas por GC, está a mudar, e mesmo Quintana ten coqueteado en varias ocasións con Rey, Jove ou José Luis Méndez.
Medios de comunicación
Unha situación que tampouco é allea aos medios de comunicación galegos. De feito, o concurso eólico ten moito que ver con varios movementos previstos nos vindeiros meses no mundo da empresa xornalística. Unha xogada que vixian moi de cerca os grandes xornais galegos para evitar o que comunmente se coñece como "competencia desleal".
E é que o negocio do vento é moito negocio como para deixalo fuxir, tanto no ámbito político coma no ámbito empresarial. Por iso, hai quen fala de pactos segredos para que os grupos encabezados por empresas galegas se fagan cos grandes parques eólicos do futuro. A cambio, pídese "compromiso co país", tanto en inversións como en proxectos futuros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.