Podemos Galicia estuda "accións legais" ante o "ataque" da Xunta ao aborto

Sinala que a medida de "privatizar" o servizo de interrupción do embarazo "vai en contra" da lei de Saúde Sexual e Reprodutiva

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2023 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

Podemos Galicia estuda presentar accións legais para impugnar a decisión da Xunta de "privatizar" o servizo de interrupción do embarazo, despois de que o Sergas sacase a licitación un contrato por 1,4 millóns de euros para concertar estas intervencións en clínicas privadas.

Nun comunicado, o coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, denunciou que a medida "vai en contra" da lei de Saúde Sexual e Reprodutiva aprobada en febreiro deste ano, que establece que o aborto é un dereito ao que se debe de ter acceso desde a sanidade pública e utilizar a externalización só "en casos excepcionais".

San Ramón critica que a Xunta "leva 13 anos financiando agrupacións anti aborto como Rede Nai", unha política que o actual dirixente, Alfonso Rueda, "herdou de Feijóo". Así, censurou que o dirixente autonómico "non fai declaracións altisonantes contra o aborto como os socios preferentes do PP (en referencia a Vox), pero fai o que está na súa man para dificultar ese dereito".

"É un ataque aos dereitos reprodutivos das mulleres pola porta de atrás", salientou o dirixente de Podemos Galicia, quen sinalou o seu apoio ao "dereito a un aborto gratuíto, público e con garantías de calidade para o benestar das mulleres".

DEFENSOR DO PACIENTE

Tamén se pronunciou este mércores o Defensor do Paciente, que se mostrou "impactado" coa "gravidade da situación de perigo ás mulleres que desexan abortar polas circunstancias que sexan".

Así, nun escrito dirixido ás autoridades, o Defensor do Paciente critica que se "obrigue a ir a clínicas que se cadra non teñen a seguridade que deberían ter se xorde algunha eventualidade". "Estas interrupcións non son un capricho e na privada (os procesos) non só son moito máis caros, senón que tampouco son tan seguros", apuntou.

O Defensor do Paciente "aconsella" non acudir ás clínicas privadas, salvo que así o decidan, e espera que se "tome conciencia da gravidade" desta acción pola que se lle "pedirán responsabilidades" se ocorre "algunha incidencia".

O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón. PODEMOS GALICIA
O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón. PODEMOS GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta