Mariluz Esteban: "calquera persoa debera decidir sobre o seu corpo e a súa saúde"

Mariluz Esteban Galarza estudou medicina mais o seu campo de traballo é a antropoloxía feminista en relación á medicina. Participante no XVI Congreso de Antropoloxía que se celebra na Coruña, explica as implicacións da antropoloxía dentro do campo da saúde e como se poden desenvolver novas vías de xestión sanitaria. Á parte, no congreso presentará unha proposta didáctica baseada en textos, música, son e imaxe co que pretende tanto ela como os seus colegas, romper os convencionalismos dunha intervención científica.

Por Moncho Mariño | A Coruña | 10/09/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Cal é a súa principal motivación para participar neste XVI Congreso de Antropoloxía?

Mari Luz Esteban Galarza
Mari Luz Esteban Galarza | Fonte: wikipedia

Este é un congreso que se celebra cada tres anos para profesionais da antropoloxía de todo o Estado. Un segundo motivo é ser convidada, xunto con dúas persoas máis, para facer unha plenaria un tanto especial. É unha plenaria que desenvolve unha obra audiovisual. Estas son as razóns polas que participo neste congreso.

-Vostede comezou sendo médica mais logo pasou á antropoloxía, sobre todo ligada á saúde reprodutiva das mulleres e de xénero. Cal foi o detonante deste cambio?
Estudei Medicina e traballei como médica de planificación familiar nun centro de Basauri. Nun momento determinado quería especializarme nalgún campo concreto e fixen unha tese, mais como non quería facer ese documento baseándome na Medicina, foi cando comecei a relacionarme máis coa antropoloxía e a persoa que me dirixiu era a antropóloga Teresa del Valle. A partir de aí cambiou a miña maneira de investigar mais non o tema. A primeira investigación que fixen foi sobre saúde e xénero, que era o campo onde estaba dentro da planificación familiar. Durante uns anos seguín facendo investigación relacionada coa saúde porque dentro da antropoloxía hai unha especialidade, Antropoloxía da Medicina.

-A día de hoxe, dentro da medicina e a farmacoloxía, séguese tendo como referente o corpo e a saúde masculinos e deixando a un lado a fisioloxía feminina?
Dando unha resposta única, diría que si, mais debemos ter en conta que desde os meus inicios na medicina a mediados dos 1980s até o de agora, a situación cambiou moito. Cambiou o sistema médico, aínda que hoxe hai moita preocupación sobre o sistema público. Alén diso, a atención cara as mulleres mellorou moito desde aquel tempo. Tamén está a crítica feminista tanto a dos profesionais que teñen conciencia feminista e cada vez son máis, á parte que as mulleres fomos aprendendo e manifestando as nosas opinións. Hai unha maior crítica feminista, certo, con todo, segue habendo deficiencias en diferentes niveis, isto tradúcese en que se conseguiron máis avances nuns campos que noutros. O tema da fibromialxia ou o da endometriose, é un tema de saúde xinecolóxica onde a investigación é moi pouca e sobre o que as mulleres presentan numerosas queixas. Hai campos máis desenvolvidos que outros, mais aínda non se chegou a unha equiparación de que as mulleres e os homes sexan tratados da mesma maneira. Porén, ás veces aparece unha caste de contradición na cuestión de xénero, pois por unha banda e dito de maneira simple, o modelo de corpo universal é o masculino, mais logo moita investigación céntrase en cuestións específicas das mulleres, como se a saúde das mulleres e a dos homes fose radicalmente distinta. Isto tense denunciado e criticado moito, porque logo as enfermidades poden ser específicas de homes e mulleres, un cancro de próstata e un de ovarios son totalmente diferentes. Hai distintos temas en que a realidade aínda non é boa ou positiva.

A primeira investigación que fixen foi sobre saúde e xénero, que era o campo onde estaba dentro da planificación familiar

-Dentro da medicina española a muller foi unha cidadá de segunda fronte aos homes?
Non é doado dar unha resposta simple a esa pregunta. Non é que os profesionais teñan pouca inclinación a tratar ás mulleres, é como está organizada a investigación. En antropoloxía da medicina realizamos unha investigación cualitativa. Nun hospital analizas como funciona o tratamento do embarazo nese hospital concreto e a partir de aí botamos moito tempo traballando, vemos cal é a situación, se pode haber deficiencias, cal é a experiencia das mulleres, se propoñen algúns items ou a relación entre os profesionais. Dentro da antropoloxía da medicina facemos unha investigación cualitativa enfocada a un fenómeno ou lugar moi concreto e profundamos sobre un determinado acontecemento.

-A día de hoxe o feminismo non está tomando diferentes camiños e que mesmo dentro do feminismo acabe habendo subdivisións?
O feminismo non é homoxéneo e nunca o foi. Daquela pode haber diferentes posturas, unhas teóricas con diferentes interpretacións sobre o que sucede para propór diferentes solucións, isto aconteceu sempre. É certo que nestes tempos algúns debates están polarizados. No noso caso, na antropoloxía feminista, unha especialidade moi desenvolvida en España e noutros lugares do mundo, non hai tanta polarización mais é certo que existen diversas maneiras de investigar, mais estamos moi unidas. Este mesmo ano no mes de xuño fixemos un congreso de antropoloxía feminista na Universidade do País Vasco, o ano que vén será en Granada, por tanto hai debates que van enriquecendo o noso traballo.

Está a crítica feminista tanto a dos profesionais que teñen conciencia feminista e cada vez son máis, á parte que as mulleres fomos aprendendo e manifestando as nosas opinións

-Centrándonos nos dereitos reprodutivos da muller, por que aínda non se ten superado o debate sobre que sexa a muller quen decida sen presións de ningunha clase?
En xeral calquera persoa debera decidir sobre os procesos que están ocorrendo no seu corpo e a súa saúde. No caso concreto das mulleres hai procesos que verten directamente no desenvolvemento dunha sociedade como é o feito de quedar embarazadas e parir. Por tanto, ás feministas parécenos lóxico que sexan as mulleres quen teñan esa capacidade de decisión sobre o seu corpo pois pasa si ou si no teu corpo como o que está sucedendo coa xestación subrogada.

-En que consistirá o traballo que vai representar xunto con outras persoas para este XVI Congreso?
Este traballo é froito dun proxecto entre o INCIPIC do CSIC e a Cidade da Cultura nacido dunha residencia artística. Aí estamos traballando tres persoas, Llorián García Flores, musicólogo; Andrés Rodríguez, historiador e artista sonoro e visual e logo eu como profesora e antropóloga. Convidáronnos a facer un experimento onde puideramos conxugar textos antropolóxicos como materiais sonoros e visuais, combinamos todo iso e fixemos así unha proposta de cincuenta minutos que titulamos 'Mudar la Piel'. Situámonos no entorno social onde vivimos, unha sociedade difícil, nós propoñemos unha exploración metodolóxica mediante a sensorialidade poñendo o corpo a traballar. Esta proposta é unha exploración somática, vendo que pode dar de si a unión de música, imaxe, texto e antropoloxía. Tamén se pode ver como unha alternativa a unha conferencia plenaria dunha persoa que vén e fala da súa especialidade. Nós facémolo con este experimento.

Ás feministas parécenos lóxico que sexan as mulleres quen teñan esa capacidade de decisión sobre o seu corpo pois pasa si ou si no teu corpo como o que está sucedendo coa xestación subrogada

-Que resultados lle gustaría ver como consecuencia deste traballo?
Que lle interese á xente, non tanto que lle guste senón que lle faga pensar. Ao mellor tamén que poida relacionar o noso traballo con cousas que outras persoas están facendo, mais aínda non lle deron esa dimensión. Por tanto, tamén sería posible establecer alianzas con outros experimentos, pois non somos os únicos facendo experimentos. Buscamos novas posibilidades de investigación e de proxección do teu traballo. En toda a obra hai aportacións con varios colaboradores e colaboradoras. Neste caso buscamos ampliar o somático. Non somos os primeiros en facer isto, mais como o facemos nun congreso e os congresos están compostos de palestras e conferencias, a nosa proposta ten unha certa orixinalidade mais inspirándonos en cousas que xa se están facendo a pequena escala ás veces.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta