Gañemos Vigo

Un novo tempo está percorrendo a nosa cidade. Os últimos resultados electorais das europeas sinalaron que a cidadanía comeza a estar farta dos políticos que nos gobernan. Entre os que votaron por candidaturas progresistas, cidadás, de esquerdas, mais o que optaron pola abstención consciente, somos a maioría. Por iso un grupo de cidadáns de distintas actividades, pensamentos e pertenzas políticas, que queremos a Vigo e vimos loitando por un Vigo mellor, máis democrático, máis participativo e máis habitábel, pensamos que é posíbel e necesario gañar Vigo para a cidadanía.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 07/05/2015

Comparte esta noticia
Os partidos do PSOE-PP que nos seguen gobernando na cidade, son parte do sistema inmoral e corrupto do bipartidismo.
 
Os partidos do sistema converteron á nosa cidade nunha urbe onde reina o cemento e a insolidariedade. Onde humanizan as beirarrúas, cando se debería humanizar as políticas sociais ao servizo para os máis necesitados.
 
Os que amamos Vigo debemos de dar un paso histórico na cidade olívica co obxectivo de gañar as  próximas eleccións municipais e poder desenvolver políticas ao servizo da maioría social. 
 
Para iso é preciso iniciar un proceso que implique a moita xente e permita traballar a partir de obxectivos concretos. Este proceso non pode comezar cun programa electoral pechado. As propostas para transformar a nosa cidade e as súas institucións teñen que ser elaboradas de xeito colectivo. A partir de iniciativas xa existentes, pero tamén con outras que teremos que ir construíndo coas mellores voces dos movementos políticos, sociais, veciñais e sindicais; con técnicos e traballadores de diferentes sectores; con xente politicamente organizada, e coa contribución cidadá.
 
Este proceso debe de confluír nunha candidatura cidadá plural e transversal onde o conxunto da cidadanía poida ser o axente activo deste proceso de acumulación de forzas e confluencia popular. Para iso debemos terminar co dogmatismo, o sectarismo, os vetos, as exclusións e as imposicións. A nosa confluencia debe ser programática e ao servizo da cidadanía e non dos mesquiños intereses partidarios.
 
1.- Queremos gañar Vigo para garantir traballo e vida digna para os nosos veciños. Somos unha cidade industrial e debemos de defender os postos de traballo e fomentar a creación de emprego digno. Ningunha familia traballadora debe quedar desamparada. Para iso debemos transformar o modelo económico e produtivo que beneficiou ás grandes empresas e ás entidades financeiras. Queremos reverter esta situación e promover unha economía social e sostíbel. Queremos gañar Vigo para que os cidadáns gocen dunha renda mínima, unha alimentación axeitada e un fornezo suficiente de auga, luz e gas.
 
Para garantir unha política social solidaria municipalizaremos os servizos fundamentais da nosa cidade especialmente o do auga.
 
2.- Queremos gañar Vigo para que sexan os barrios e a cidadanía a que determine as necesidades e os orzamentos participativos necesarios. Os recursos de todos os veciños/as deben reverter directamente nas necesidades do conxunto da sociedade sen especulacións electorais. Mentres miles de familias están padecendo necesidades o Concello gasta centos de miles de euros nunha escaleira mecánica para subir usuarios desde a rúa do Príncipe até o Concello.
 
3.- Queremos gañar Vigo para terminar coa corrupción, os orzamentos opacos, o enchufismo, os cargos múltiples dos que nos gobernan, como é o caso escandaloso da concelleira e senadora Carmela Silva. Tense que impedir a acumulación innecesaria de cargos e funcións. Esta medida é esencial para impedir a concentración de poder en poucas mans e para garantir a máxima dedicación dos representantes á función pública. Os representantes electos terán que someterse á rendición de contas da cidadanía. Somos partidarios de establecer un límite temporal de dous mandatos para todos os cargos electos. Tamén impulsaremos a limitación de soldos acorde ao seu traballo e responsabilidades, evitando privilexios innecesarios.
Gañar Vigo significa un compromiso ético vinculante coa cidadanía.
 
 4.- Queremos gañar Vigo para terminar coa intolerancia do actual goberno municipal que mercou os medios de comunicación co diñeiro de todos os vigueses para garantir a súa continuidade no exercicio do poder. Queremos un Vigo plural onde se poidan escoitar todas as voces e estean abertas as portas e os espazos institucionais do concello.
 
Queremos un Vigo onde recuperamos a nosa memoria histórica e terminemos para sempre coa simboloxía da ditadura franquista que asasinou a miles dos nosos veciños. A devandita cruz fascista aínda segue en pé coa complicidade do actual alcalde
 
5.- Queremos gañar Vigo para que ningunha familia quede sen unha vivenda digna. Onde se penalice con impostos aos que teñen vivendas baleiras con fins especulativos. Queremos un rexistro exhaustivo de vivendas baleiras e sancións efectivas a entidades financeiras e aos grandes propietarios que fagan uso antisocial da vivenda.
 
Impulsaremos que se promova e fomente a rehabilitación de vivendas con créditos a baixos interese. Queremos un concello que priorice a vivenda social, de aluguer, cooperativa ou en cesión de uso. O Concello porá o solo público ao servizo da construción de vivendas sociais.
 
6.- Queremos gañar Vigo para defender o pequeno comercio. Impulsar os novos emprendedores e fomentar empresas cooperativas e de economía social. Tamén impulsaremos a agricultura urbana. Crearemos espazos de venda permanente para os artesáns radicados na nosa cidade.
 
7.- Queremos Gañar Vigo para recuperar a potencialidade cultural da nosa sociedade apoiando as distintas expresións populares. Fomentaremos a nosa lingua e cultura. Apoiaremos as expresións culturais emerxentes da nosa mocidade. Priorizaremos aos nosos artistas locais á hora das programacións culturais, evitando o malgasto económico nas figuras mediáticas. Poremos os espazos culturais da cidade, de xeito gratuíto, ao servizo do tecido asociativo da nosa cidade.
 
8- Queremos gañar Vigo para terminar coa especulación electoral do cemento e construír unha cidade máis humana, habitábel, solidaria, ecolóxica e sostíbel.
 
9.- Queremos gañar Vigo para termos unha asistencia sanitaria de calidade que garanta unha atención pública gratuíta, universal, equitativa e eficiente, pero non movida polo ánimo de lucro. Ningún cidadán pode quedar excluído da atención sanitaria.
 
10.- Queremos gañar Vigo para poder ter unha educación pública de calidade. Queremos unha cidade sen segregación escolar onde os orzamentos da Xunta estean destinados ás escolas públicas, corrixindo o trato de favor que hoxe se outorga á educación concertada. Crearemos garderías infantís para as familias traballadoras.
 
E faremos outras moitas cousas que termos que deseñar entre todos e todas.
 
Esta é hoxe a nosa tarefa. Gañemos Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.