Guerra de denuncias no conflito da mina de San Fins

Ecoloxistas en Acción denuncia que Tungsten San Finx interpuxo unha denuncia falsa "nunha campaña de acoso xudicial", tras a acción dos ecoloxistas que denuncian vertidos ilegais.

Por Galicia Confidencial | Noia | 11/09/2023 | Actualizada ás 10:34

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción ven de poñer en coñecemento da Relatora Especial das Nacións Unidas sobre a situación das persoas defensoras de dereitos humanos, a irlandesa Mary Lawlor, o uso sistemático de "denuncias abusivas e infundadas" por parte da empresa mineira de San Finx, Tungsten San Finx SL.  Unhas denuncias que chegan logo da campaña dos ecoloxistas denunciando vertidos ilegais da empresa.

Acción de protesta de mariscadores e activisatas de Ecoloxistas en Acción na mina de San Fins
Acción de protesta de mariscadores e activisatas de Ecoloxistas en Acción na mina de San Fins | Fonte: remitida

"Teñen afán intimidatorio contra as organizacións ecoloxistas e sociais que veñen denunciando a situación ilegal da explotación e os danos ambientais que causan as súas verteduras, a tan só 7 km da ría de Muros e Noia", din desde Ecoloxistas en Acción  nun comunicado.

E é que Ecoloxistas en Acción volveu a ser obxecto dunha nova querela por parte da empresa, desta volta por un acto simbólico realizado o pasado 5 de xullo no que se taponou durante breves instantes a tubaxe a través do que a empresa realiza vertidos ilegais. Precisamente a raíz desta protesta e dos escritos remitidos a Augas de Galicia por ese colectivo e a Plataforma comarcal contra as verteduras, vense de iniciar un procedemento sancionador que podería carrexar unha sanción de ata 300.000 euros á empresa, logo de comprobarse que os niveis de cadmio no río a poucos metros do tubo taponado superan 78 veces o máximo legal permitido.

APERTURA DE DILIXENCIAS

A raíz da nova denuncia falsa da empresa, que atribúe a Ecoloxistas en Acción un suposto delito de danos, o Xulgado de Instrución N.º 2 de Noia abriu dilixencias, sendo chamado a declarar como investigado o representante da organización. 

“Isto non é máis do que unha tentativa desesperada da empresa de calarnos a través dunha acción xudicial contra a participación pública”, coñecidas como SLAPP en inglés, e que a Comisión Europea anunciou que perseguiría mediante a nova “Directiva SLAPP”, din desde a organización.

É a segunda vez en menos dun ano que o grupo australiano presenta unha denuncia contra Ecoloxistas en Acción, que xa fora denunciada en 2022 ante o Xulgado de Negreira baixo un pretexto similar, meses antes de que a Xunta declarara a caducidade das concesións mineiras e de que se iniciase un procedemento sancionador por verteduras ilegais contra a mina de Santa Comba. Daquela, o Xulgado arquivou a demanda de inmediato por carecer de fundamento.

Aínda que desde a organización ecoloxista confían que o resultado desta volta será idéntico, decidiron denunciar o caso ante a relatora especial da ONU por tratarse dun uso sistemático do acoso xudicial tentando criminalizar e coartar os movementos sociais para que non denuncien as ilegalidades cometidas polas empresas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta