Vero Boquete, cita histórica

A compostelá. aínda que cun golpe nun nocello, busca co Frankfurt, por segundo ano consecutivo, ser a primeira galega en proclamarse campioa da Champions League. A cita, ás 18.00h en Berlín contra o PSG.

Por gcdeportes | Compostela | 14/05/2015 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

Aínda que sufriu un golpe no nocello, a compostelá Vero Boquete estará hoxe, por segundo ano consecutivo, na final da Champions League. Será liderando o Frankfurt alemán e contra o Paris Saint-Germain. A cita, ás 18.00 horas no estadio Friedrich-Jahn-Sportpark de Berlín.

Vero Boquete, no adestramento de onte en Berlín.
Vero Boquete, no adestramento de onte en Berlín. | Fonte: @UWCL

O Frankfurt, único equipo campión en tres ocasións, disputará a súa sexta final, mentres que para o Paris SG será a primeira, aínda que nesta edición eliminou os campións das últimas catro edicións: Olympique Lyonnais e Wolfsburgo.

“Agardo que Vero poda xogar. Di que se é necesario podería xogar incluso cunha soa perna, o que di moito sobre a súa motivación. Pero coido que poderá xogar. Todas as xogadoras do Frankfurt e do Paris terán este tipo de motivación de cara á final”, dixo Colin Bell, adestrador de Vero no Frankfurt alemán.

Tras marcar un gol e despois caer 4-3 hai un ano na final de Lisboa co Tyreso ante o Wolfsburgo, a xogadora galega agarda resarcirse co Frankfurt, equipo polo que fichou tras unha corta etapa en Estados Unidos e despois da desaparición do equipo sueco.

“É un soño feito realidade. Se alguén me di hai un par de anos: vas xogar unha final, vala perder e ao ano seguinte xogarás outra… é moi difícil xogar unha final, como para xogar dúas en dous anos consecutivos. Significa que estou facendo ben as cousas, pero tamén que tomei a decisión correcta escollendo Frankfurt… O fútbol dame unha segunda oportunidade para erguer o trofeo e agardo poder facelo este ano”, conta Verónica Boquete.

No plantel do equipo galo atópanse varias campioas de Europa, como as xermanas Josephine Henning, Annike Krahn, Linda Bresonik e Fatmire Alushi, pero non poderá contar coas sancionadas Caroline Seger e Kheira Hamraoui. Si estará no Frankurt a máxima goleadora do torneo, Célia Šašić, malia ter anulado o contrato co seu club para a vindeira tempada.

A familia (viaxou a Berlín a súa nai, pero o seu pai quedou en Santiago), os amigos e os veciños de Santiago estarán moi pendientes de Vero. O concello compostelán instala unha pantalla xigante na Cidade da Cultura para poder seguir a final, con festa previa dende unha hora antes. A ocasión ben o merece. Como gosta de dicir Vero: “Levo moito tempo traballando para erguer esta Copa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta