Por gcdeportes | Pontevedra | 14/05/2015 | Actualizada ás 19:48
Trala disputa de catro probas, Javi Gómez Noya necesita xa un triunfo nas Series Mundiais para compensar os magníficos resultados acadados ata o momento por Mario Mola (vitoria en Abu Dhabi), Jonathan Brownlee (Auckland e Gold Coast) e Alistair Brownlee (Cidade do Cabo), e así chegar con opcións de gañar o seu quinto título mundial na gran final de Chicago. A cita é en Yokohama (Xapón) na madrugada deste sábado, ás 06:06 hora galega (TVG2).
O ferrolán coñece perfectamente o circuíto, bastante complexo, xa que o ano pasado acadou a súa primeira vitoria en Xapón. Pero en Yokohama estarán todos os mellores, coa excepción de Jonathan Brownlee. O mallorquino Mario Mola, Alistair Brownlee, Fernando Alarza, Crisanto Grajales... serán algúns dos rivais aos que o galego deberá superar para acadar ese necesario primeiro posto.
O triatleta galego, na rolda de prensa previa á carreira, asegurou que chega en boas condicións e moi animado a Yokohama, onde agarda “unha carreira moi dura polo complicado que é o circuíto e pola posibilidade de que chova, o cal dificulta aínda máis a proba”. A de Xapón desenvolverase na distancia olímpica, é dicir, 1,5 quilómetros de natación dende o embarcadoiro de Osanbashi, 40 quilómetros de bicicleta e finalizará cunha carreira a pé de 10 quilómetros con saída e chegada no parque nacional Yamashita.
As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Estocolmo, Edmonton e a gran final de Chicago. Para a clasificación mundial, os deportistas suman os cinco mellores resultados, sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.
Trala disputa das catro primeiras probas do Mundial, Javi Gómez Noya é primeiro, seguido de Mario Mola, aínda que esta clasificación non é realista, xa que ao final os triatletas eliminan os cinco peores resultados, polo que Gómez Noya necesita xa unha vitoria para chegar con opcións á gran final de Chicago e non verse obrigado a disputar tódalas probas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.