Aprazado o xuízo contra un acusado de tentar matar á súa parella cunha navalla na Estrada, que pediu un cambio de avogado

"Non teño defensa ningunha", dixo este home ante o tribunal para alegar que non se sentía representado pola súa avogada, á que coñeceu hai tres días. "Quería pedir que me poñan outros avogados", reclamou.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 21/09/2023 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra aprazou sen data o xuízo contra un home, de nacionalidade portuguesa, acusado de tentar matar á súa ex parella na Estrada. "Non teño defensa ningunha", dixo este home ante o tribunal para alegar que non se sentía representado pola súa avogada, á que coñeceu hai tres días. "Quería pedir que me poñan outros avogados", reclamou.

As maxistradas optaron entón por suspender a vista durante uns minutos, para despois aprazala ata nova data. A Fiscalía acusa a este home dun delito de homicidio en grao de tentativa, ademais de ameazas e de danos, así como de lesións con arma polos que pide penas que suman 16 anos e seis meses de cárcere.

O Ministerio Público sostén que o acusado e a vítima mantiveron unha relación sentimental durante catro anos e medio, convivindo no mesmo domicilio na Estrada, ata que finalizou a relación, en outubro de 2021. O escrito de acusación relata que, a partir dese momento, o home "co propósito de menoscabar o patrimonio" da muller esnaquizoulle mobiliario da casa e que a ameazou con matala a ela e á súa filla, ademais de dicirlle a un veciño xa en xuño de 2002 que as "cortaría en cachiños".

Ese mesmo mes, a última hora da tarde do 17 de xuño, cunha navalla "e tratando de acabar coa vida" da súa ex parella abalanzouse sobre ela tratando de agredila, chegando a alcanzala e lesionala. A agresión non foi a máis pola intervención doutra persoa, que tamén sufriu lesións.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta