Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2023 | Actualizada ás 18:02
A obra 'Profundo sen nome', do filólogo melidense Vicente Vázquez foi gañadora da novena edición do premio de relato curto Nortear, impulsado pola Xunta xunto coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en colaboración coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal.
Nacido en Melide en 1992, Vicente Vázquez estudou Linguas e Literaturas Modernas na Universidade de Santiago de Compostela. Obtivo en 2015 o accésit do Certame de Poesía Francisco Añón con 'Ani(vers)ario' (Micromundos, 2017) e ten outra obra 'Os afluentes' (Tulipa, 2018) publicada en francés e galego.
Tal e como apuntou o xurado, a obra seleccionada destaca polo seu carácter "innovador cunha nova realidade, virtual, que revisa unha existencia potencial en mundos paralelos, onde o mundo real contamínase na reconstitución dun pasado, desde o presente, a partir do diálogo virtual entre un fillo e o seu pai morto". "A mestría do autor nunha narrativa, con bo ritmo, linguaxe e estilo, onde a nostalxia por un tempo perdido, tras a morte dun familiar, capturan a atención do lector do inicio ao fin?, engaden.
O xurado estivo formado polo escritor e director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, Gonzalo Constela, a escritora, editora e xornalista Eva Mejuto, o crítico literario e profesor da Universidade de Compostela Ramón Nicolás, e a profesora do Ensino Secundario e Técnica Superior da Direção Rexional de Cultura do Norte de Portugal Ana Araujo.
Dotada con 3.000 euros, Nortear diríxese a mozos de entre 16 e 36 anos de Galicia ou do norte de Portugal, que teñan "unha escritura orixinal e inédita", lembra a Xunta. Ademais de recibir a dotación económica, o gañador verá o seu traballo publicado nas linguas galega e portuguesa. Nesta edición houbo 40 propostas de escritores novos da Eurorrexión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.