O punto negro da N-541, cando os concellos buscan solucións aos mortos nas estradas

Sete concellos polos que pasa a N-541 decidiron dar un paso á fronte para que a Administración central tome medidas nesta estrada. O último sinistro grave ocorrido o 24 de decembro de 2022 deixou sete persoas mortas. Os rexedores piden cambios sobre todo no firme, na sinaléctica e nos accesos á estrada. De momento haberá reunións con outros rexedores locais para buscar máis apoios.

Por Moncho Mariño | Santiago | 01/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A última tese sobre o accidente do autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade o Nadal pasado apunta ao exceso de velocidade como principal causa do sinistro que custou a vida a sete persoas. Por outra parte, a defensa do condutor apunta o estado do autobús e a meteoroloxía como factores que motivaron a caída do vehículo ao río Lérez. Nove meses despois do fatal suceso, comezan as obras de reparación na ponte de Vichocuntín, na parroquia de Pedre. Esta última é a que lle deu nome ao pacto entre sete concellos (Cerdedo-Cotobade, O Carballiño, O Irixo, Beariz, Boborás, Maside e Punxín) para reclamar ante as autoridades estatais as obras necesarias para a mellora e actualización dunha estrada que, segundo algúns alcaldes, só ten “parches” nun firme que agora tamén soporta un incremento do tráfico pesado.

Os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, O Irixo, Boborás, O Carballiño, Beariz, Punxín e Maside nunha reunión do pacto de Pedre para demandar melloras na N-541. CERDEDO-COTOBADE
Os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, O Irixo, Boborás, O Carballiño, Beariz, Punxín e Maside nunha reunión do pacto de Pedre para demandar melloras na N-541. CERDEDO-COTOBADE

PACTO PARA FACER FORZA

Os concellos mencionados anteriormente reuníronse no “Pacto de Pedre”, unha plataforma desde a que iniciar os movementos que consideran necesarios para a mellora ou renovación da N-541. O percorrido desta vía une a cidade de Ourense coa de Pontevedra, dous núcleos de poboación importantes cos que os concellos do pacto buscan iniciar uns movementos de abaixo cara arriba para que o Estado, posuidor das competencias sobre este vial, inicie unhas obras demandadas desde hai case cinco décadas.

“Non recordo que houbese polémica sobre o trazado nin sobre as obras feitas nos anos setenta” di Manuel Prado, alcalde de Beariz. “O problema está no seu estado e nas súas capacidades pois quedou anticuada para o tráfico actual”. Preguntado sobre as reunións que os sete concellos do Pacto de Pedre queren manter cos alcaldes de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Manuel Prado sinala que “delegamos a representación do Pacto en Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, mais a petición é obvia, a súa implicación para reclamar melloras na estrada”.

“Hai vinte anos fixen unha reclamación diante do Ministerio de Obras Públicas para facer obras de mellora” aputna Manuel Vázquez, alcalde de Punxín. “Eu mesmo fun ver un “proxecto” de melloras na subdelegación do Goberno en Ourense que ao final non se executou por ter un ozarmento elevado, dixeron”. Fora o daquela presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, quen falara con Vázquez sobre o proxecto do Ministerio. Vázquez reclamara ver outra vez os planos ante a dilación das hipotéticas obras mais “só vin ese proxecto unha vez”.

“O ano pasado nesta estrada houbo cen accidentes” apunta Susana Iglesias, alcaldesa do Irixo. “Outras estradas con climatoloxía peor que esta mais con mellores condicións estruturais non teñen esta taxa tan elevada de sinistralidade”. Iglesias subliña a importancia da estrada sobre todo no verán, “porque é o acceso ás praias de Pontevedra, Sanxenxo ou Marín” que teñen todos os concellos que atravesa a N-541, ademais daqueles que se unen a ela desde outras estradas.

SINISTRALIDADE E “PARCHES”

O alcalde de Beariz apuntaba a desactualización da vía, mais agora uniuse “o tráfico pesado de camións con elementos para a construción de eólicos”. Este ir e vir de camións  realiza presións sobre o firme que, segundo os alcaldes consultados, danan o asfaltado e estas eivas son solucionadas mediante “parches” puntuais no firme. “O tráfico de camións é desesperante porque atrasa os tempos de circulación para outros vehículos, á parte que para adiantar hai moi poucos puntos para facelo e convértese nunha tarefa moi perigosa” aputna Manuel Prado.

“Diante da Casa do Concello hai zonas de “recortes” ou parcheos e logo está que os accesos á N-541 non son moi favorables” di o alcalde de Punxín. “Solicitamos un paso de peóns para acceder á casa de maiores e á farmacia; a solicitude veu denegada”. Porén, si houbo obras como as da Ponte da Ferradura “porque durante as revisóns que fai o Goberno viron que estaba afundindo o arco e deberon actuar inmediatamente”. Outras solucións que demanda Manuel Vázquez son “ou un paso subterráneo ou unha rotonda na vila” para crear unha saída con mellores condicións. “O problema das saídas é a falta de visibilidade para acceder á nacional”.

“Un número tan alto de accidentes non é casualidade” di Susana Iglesias. “As melloras son necesarias no firme, na sinaléctica e tamén son necesarios pasos elevados” apunta a alcaldesa do Irixo. “Outro problema ben grave son as xeadas en áreas de sombra” di Manuel Prado. Este fenómeno crea placas de xeo sobre o asfalto e o consecuente risco para a circulación, volvendo esvaradío o firme da vía e, en consecuencia, aparecendo as perdas de control dos vehículos.

As reunións con Lores e Jácome son un primeiro paso do 'Pacto de Pedre' para facer presión ante autoridades autonómicas e estatais. O obxectivo final é a mellora dunha estrada de case 100 quilómetros que presenta unha alta taxa de sinistralidade ademais de moitas eivas no firme e accesos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta