Boborás, Beariz, O Irixo, O Carballiño, Punxín, Maside e Cerdedo-Cotobade piden melloras na N-541, onde caeu ao río o bus

Demandan accesos seguros aos pobos e renovar a capa de rodaxe.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2023 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

Sete alcaldes de municipios polos que transcorre a estrada N-541, na que se produciu o accidente dun autobús en Noiteboa saldado con sete mortos, subscribiron este mércores un pacto para demandar melloras nesta vía nacional que une as capitais provinciais de Pontevedra e Ourense.

O Centro Cultural de Cerdedo acolleu este mércores a reunión de constitución do bautizado como 'Pacto de Pedre', que recibe o nome da parroquia do municipio de Cerdedo-Cotobade onde se sitúa a ponte sobre o río Lérez pola que se precipitou o autobús da empresa Monbus no que viaxaban nove persoas, das que só dúas saíron con vida do sinistro rexistrado na noite do pasado 24 de decembro.

Impulsado como un "foro de análise e actuación" polos concellos de Boborás, Beariz, O Irixo, O Carballiño, Punxín, Maside e o propio Cerdedo-Cotobade; pretende esixir a mellora da estrada N-541, unha infraestrutura "estratéxica" que necesita unha actuación "integral".

Concretamente, o pacto foi asinado pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; e os rexedores de Beariz, Manuel Prado; Punxín, Manuel Vázquez; Maside, José Manuel Iglesias; O Carballiño, José Fumega, O Irixo, Manuel Cedeira e o de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

Esta primeira reunión contou tamén coa presenza dun técnico do Concello de Pontevedra e un representante do goberno local de Ourense que decidiron manter o seu apoio ás reivindicacións do 'Pacto de Pedre', pero que non asinaron inicialmente a declaración co fin de darlle "maior visibilidade" e "protagonismo" aos pequenos concellos.

Con todo, non asistiu a este foro ningún representante do Concello de Forcarei, cuxa alcaldesa, Verónica Pichel, non deu resposta ás invitacións realizadas para participar nesta iniciativa.

CANLE DE COMUNICACIÓN "VITAL"

Na declaración subscrita por estes sete concellos lémbrase que esta vía de titularidade estatal vertebra gran parte do territorio e dá servizo a unha poboación de máis de 218.000 habitantes e serve de conexión entre as Rías Baixas co interior de Galicia e a Meseta "polo que é unha canle de comunicación vital desde todo punto de vista estratéxico".

Despois de moitos anos de servizo "e de soportar un volume de tráfico inxente", os alcaldes consideran que a N-541 atópase nun nivel de conservación "preocupante", polo que "necesita unha intervención integral" que, ademais de renovar por completo a súa capa de rodaxe precisa de "actualizar medidas de acceso seguras a núcleos de poboación", ademais dunha actuación "en profundidade" desde o punto de vista da mellora da seguridade viaria.

Os alcaldes asinantes comprométense por escrito a "non converter esta reclamación nun enfrontamento político", senón nun "espazo de reivindicación conxunto na defensa activa" dos territorios, veciños e "a seguridade viaria".

Vista do autobús accidentado na canle do río Lérez, a 27  de decembro de 2022, en Cerdedo-Cotobade
Vista do autobús accidentado na canle do río Lérez, a 27 de decembro de 2022, en Cerdedo-Cotobade | Fonte: Gustavo da Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta