Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/05/2015 | Actualizada ás 12:25
Poucas cousas ten a Xunta das que presumir en materia ambiental, por iso, aproveita ao máximo aquelas nas que investiu cartos e diñeiro para conseguir que sexan “referentes de restauración ambiental”. Un referente que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, aplicou ao lago da mina de Meirama, en Cerceda (A Coruña). “Un claro exemplo de éxito pola súa integración visual e paisaxística”, dixo.
A restauración deste espazo consistiu na creación dun gran lago artificial no oco derivado do aproveitamento da mina, onde na actualidade existe un ecosistema poboado e colonizado, con gran diversidade biolóxica.
Outra das potencialidades que ofrece o lago, segundo a Xunta, é a promoción turística e o abastecemento de auga á área metropolitana da Coruña, grazas á execución dunha infraestrutura hidráulica coa que se duplicará a capacidade do encoro de Cecebre.
A Consellelleira participou este venres na presentación do libro "Biodiversidade do lago da mina de Meirama e a súa contorna", que permitirá, segundo dixo, establecer criterios máis eficaces de xestión para a mellor protección dos valores naturais.
O estudo recolle a identificación de máis de 800 especies, entre as que figuran máis de 300 clases de insectos, 85 variedades de aves ou 28 categorías de mamíferos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.