Formoso ve a Besteiro como "potencial candidato" do PSdeG á Xunta e pide primarias despois da investidura

Sánchez situou na comisión negociadora a José Ramón Gómez Besteiro na primeira liña política hai uns meses.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou a presenza do deputado José Ramón Gómez Besteiro na comisión negociadora para a investidura de Pedro Sánchez. "Un dos potenciais candidatos (do PSdeG á Xunta) está incluído nesa comisión que terá que dalo todo", conveu o dirixente socialista, quen asegurou, a preguntas dos medios, se se dirixirá ao seu xefe de filas en canto pase ese proceso no Congreso para reactivar as primarias para elixir á cabeza de cartel nas autonómicas.

Foi, precisamente Formoso, o que situou o "filtro" da militancia como condición para a elección da persoa que encabezará a lista dos socialistas galegos para os comicios autonómicos que, haxa ou non adianto electoral, non se estenderán máis aló da primavera de 2024.

O proceso de primarias foi anunciado polo propio Formoso en xuño deste ano e tiña prefixada a data do 17 de setembro para celebrarse o proceso, pero tras as eleccións xerais do 23 de xullo, Ferraz desaconsellou polo contexto político celebrar este proceso orgánico, a falta de culminarse un proceso de investidura.

Despois de que Besteiro fose elixido para realizar a primeira intervención no Congreso para defender a reforma do regulamento e a inclusión dos idiomas cooficiais en territorios como linguas das Cortes; Sánchez situou na comisión negociadora ao político lucense rehabilitado na primeira liña política hai uns meses. Este movemento foi valorado por Formoso, que recoñeceu que nesa comisión está "un dos potenciais candidatos" á Xunta por parte do PSdeG.

"Creo que despois da inxustiza (que viviu Besteiro polos procesos xudiciais)", dixo Formoso, agora podemos "gozar" da súa forma de ver a política e os seus "valores galeguistas", primeiro, "pondo en valor o galego no Congreso" e, agora, "volve ser un orgullo" que se inclúa na comisión negociadora para conformar un goberno, respecto diso do que parafraseó ao propio Alberto Núñez Feijóo para sinalar que "non hai nada máis importante que chegar a acordos para evitar novas eleccións". O popular referíase a Valencia e Estremadura, mentres que os socialistas trasládano ao terreo estatal.

Así, Formoso destacou que Besteiro forme parte desa comisión na que só hai oito persoas e que terá que ter a capacidade de "levar a bo porto a ese buque de entendemento" para unha investidura de éxito da que salga un novo goberno.

PRIMARIAS

En todo caso, sobre a figura de Besteiro como posible candidato, salientou que no PSOE funciona o "filtro da militancia", que é a "propietaria" do partido e, por tanto, será "a que decida" o seu candidato á Xunta nun proceso interno, sobre o que "non hai novidades".

Preguntado por se, unha vez que conclúa o proceso de investidura e ante os indicios de precampaña electoral que a propia oposición observa, Formoso dixo que "efectivamente" se dirixirá despois dela ao seu secretario xeral para celebrar esas primarias que, sostivo, tamén son "necesarias e urxentes dado este baile de incerteza" do presidente Alfonso Rueda.

Ao dirixente popular afeoulle que en lugar de estar "a falar da cantidade de problemas e necesidades e retos" que ten Galicia, estea pendente do "whatsapp" de Feijóo e Ayuso, a cal chamou "ecuación temeraria, sobre a conveniencia de celebrar eleccións en Galicia nunha ou outra data. Así, convidou a que cando tome "esa cana" cos galegos que lles explique "por que se somete aos intereses de Feijóo, que renunciou a Galicia hai tempo".

O secretrario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa xunto á dirección do grupo parlamentario
O secretrario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa xunto á dirección do grupo parlamentario | Fonte: Europa Press

AP-9

Formoso tamén reivindicou que a AP-9 é "un 50% máis barata" que cando gobernaba o PP, pola implantación do desconto da viaxe de volta en regresos de menos de 24 horas, e restou importancia á titularidade da vía, porque ao seu xuízo o relevante é que sexa económico.

A preguntas dos medios despois de que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, dixese que na reunión co Ministerio rexeitaron o traspaso da autoestrada co argumento de que é estratéxica (o mesmo que alegou o Goberno de Rajoy con Ana Pastor no seu momento); Formoso conveu que aos galegos "dálles igual" quen sexa o titular da autoestrada.

"O que quere (a xente) é que sexa o máis barata posible", dixo, sobre que teña "un custo razoable", que lle permita "cadrar" as contas aos traballadores, familias e pequenos empresarios de Galicia.

AS PONTES, MIRAR PARA ADIANTE

Valentín González Formoso, como alcalde das Pontes, defendeu "mirar cara a adiante" tras queimar a central das Pontes os últimos quilos de carbón. "Unha data histórica na que se mesturan as distintas sensacións", recoñeceu, para apostar por quedar coa parte "doce" que implican os novos investimentos.

A preguntas dos medios en rolda de prensa, Formoso manifestou que é "unha data histórica" na que se "mesturan as distintas sensacións" sobre un complexo no que traballaron "moitísimas persoas e familias" de toda a xeografía galega. Formoso salientou que os acordos no seo da Unión Europea e a especulación dos dereitos de CO2, fai "insustentable" esta e outras industrias e "pon en perigo" outros complexos porque as tecnoloxías existentes non permiten evitar estas emisións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta