Esixen á Xunta o cumprimento da Iniciativa Xabarín dous anos despois da súa aprobación

Mesa pola Normalización Lingüística apunta nun comunicado que "segue sen cumprirse o acordo parlamentario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

Mesa pola Normalización Lingüística esixiu o cumprimento da Iniciativa Xabarín (para a programación infantil e xuvenil en galego en televisión), que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego en maio de 2021. "Despois de meses sumando o apoio de ducias de colectivos e de máis de 33.000 persoas", apuntaron nun comunicado, "segue sen cumprirse o acordo parlamentario". Por iso, a organización lanzou este xoves unha campaña para esixir o seu cumprimento inmediato por parte da TVG e de TVE.

En canto ao acordo, lembran que recollía que a TVG "aumentaría a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade, a través do reforzo e a promoción do catro canles Xabarín" e que o sinal destas canles sería distribuída a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil con "programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas".

Con todo, "a realidade é que a día de hoxe nada disto existe", segundo indica o presidente da asociación, Marcos Maceira. "A programación infantil e xuvenil en galego é apenas o 0,83% da dispoñible nas operadoras de televisión e a TVG reduciu o espazo reservado a esta programación na segunda canle", remarca.

En relación a TVE, o acordo do Parlamento galego instaba a dobraxe e a incluír lendas na súa canle infantil, e a disposición adicional 5ª da nova lei do audiovisual obriga a facelo nos contidos destinados a menores de 12 anos.

Con todo, denuncia o presidente da Mesa, o galego está dispoñible "nun 0% das súas emisións na canle temática Clan". "É lamentable que haxa que insistir para cumprir a lei e os acordos unánimes do Parlamento galego, pero a fobia ao galego de Alfonso Rueda non pode estar por encima da demanda cidadá de que a TVG impulse a oferta en galego para nenos e nenas", defendeu Maceira.

"Está a impedirse que a infancia e a mocidade galega teña unha mínima posibilidade de acceso a contidos audiovisuais televisivos orientados a ela, e para iso o presidente Roda non dubida en boicotear directamente unha decisión do Parlamento sobre a TVG. Esta actitude fortalece tamén o desprezo polo galego da actual dirección de RTVE, que actúa coma se o galego simplemente non existise e non tivese status legal ningún", insiste.

Por último, afirmou que os poderes públicos teñen "a obrigación de promocionar o galego" e as televisións públicas teñen que estar "ao servizo da sociedade". A campaña xa se pode asinar en liña no link https://www.amesa.gal/manifestos/xabarin-xa/. Poderase facer tamén en papel e buscará de novo os apoios das entidades sociais, centros de educación ou concellos. As firmas recollidas serán entregadas á Xunta de Galicia, TVG, Ministerio de Asuntos económicos e dixitalización e a TVE.

Campaña de Iniciativa Xabarín. MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Campaña de Iniciativa Xabarín. MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta