Case un 40% dos galegos non teñen servizos básicos a menos de 15 minutos

Case catro de cada dez galegos, non dispoñen de servizos básicos como a sanidade ou os centros educativos a menos de quince minutos de distancia andando ou en bicicleta da súa vivenda, segundo reflexan os datos da Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas do INE e o mapa das 'Cidades 15 minutos' de España realizado por Datacentric.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O concepto de 'Cidades 15 minutos' está cada vez máis de moda. O feito de ter supermercados, farmacias, colexios, bares ou restaurantes e, especialmente, centros de saúde ou hospitais preto da casa, a menos de 15 minutos andando ou en bicicleta, sería o ideal para calquera persoa, pero o certo é que dependendo do país non é tan doado. En España esta norma cúmprese para case o total das poboacións de máis de 50.000 habitantes, pero, nunha contorna como a galega, cabe preguntarse: que pasa con todas as pequenas aldeas e os pobos que a duras penas superan os 5.000 habitantes ou que mesmo están por debaixo dos 1.000? Se hai na cidade xente que nin sequera ten garantizado ter eses servizos básicos á man, imaxinemos fóra dela.

Unha muller compra nun supermercado en Lugo
Unha muller compra nun supermercado en Lugo | Fonte: Europa Press - Arquivo

Nun lugar como Galicia, onde tan só as sete principais cidades superan os 50.000 habitantes, todo o resto da poboación está desprotexida. Estamos a falar menos dun millón de persoas (987.412), que pasa cos 1,7 millóns restantes? Non teñen os mesmos dereitos? Segundo o mapa das 'Cidades 15 minutos' de España realizado por Datacentric, únicamente o 37 % da poboación total de Galicia ten todos eses servizos básicos a menos de 15 minutos andando do seu folgar, é dicir, menos de catro de cada dez galegos e galegas; o 14 % téñenos a menos dun cuarto de hora en bicicleta, ou sexa, algo máis de un de cada dez; pero hai un 49 % que non cumpren co criterio dos '15 minutos', polo que case a metade da poboación (1,35 millóns de galegos) está desprovista de supermercados, farmacias, bares, colexios ou hospitais preto.

O por que disto daría para escribir un libro, pero centrémonos en analizar a cantidade de persoas que mesmo dentro das cidades carece de servizos básicos a menos dun cuarto de hora andando da súa casa (ou en bicicleta, no peor dos casos). Os datos da Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas do Instituto Nacional de Estadística (INE), reflexan unha situación bastante deficitaria para o conxunto de Galicia mesmo nestas grandes cidades que son Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Lugo, Santiago e Ferrol, sobre todo no que a proximidade aos hospitais se refire.

Ningunha das sete grandes cidades galegas ten máis dun 86 % da súa poboación a menos de 15 minutos andando dun hospital ou centro de saúde. Esa porcentaxe, a máis alta da comunidade, alcánzase en Vigo, que conta con dous grandes hospitais públicos (o Álvaro Cunqueiro e O Meixoeiro) e dous concertados (Povisa e Fátima), ademais de cun total de 17 centros de saúde e un Punto de Atención Continuada para as Urxencias Extrahospitalarias (no antiguo Hospital Xeral de Vigo). Esto supón que se a cidade conta na actualidade con 292.986 habitantes, hai 41.018 persoas que carecen de sanidade preto dos seus fogares. Pola contra, a peor porcentaxe é ostentada por Santiago, onde só o 78 % da poboación está a 15 minutos dun centro de saúde, o que quere dicir que nunha poboación de 96.456 persoas hai 21.220 sen sanidade preto. 

CASE 15.000 CORUÑESES E MÁIS DE 20.000 VIGUESES COS COLEXIOS LONXE

Unha muller adquire  máscaras  nunha farmacia
Unha muller adquire máscaras nunha farmacia | Fonte: María José López - Arquivo

Analizando cidade a cidade cal é o segundo peor parámetro, deixando a un lado a sanidade, descúbrese que na Coruña a educación é unha conta pendente con parte da poboación. O 94 % dos 244.099 habitantes da Coruña teñen un colexio ao que levar aos seus fillos ou no que formarse a menos de 15 minutos andando ou en bicicleta da súa casa, o que quere dicir que hai 14.646 persoas que non dispoñen desta posibilidade a pesar de que a cidade conta pouco menos dun cento de colexios de diferentes tipos de niveis de ensinanza. O mesmo indicador é o que máis coxea, por detrás da sanidade, en Vigo, onde o 93 % da poboación pode acceder a colexios próximos, pero hai 20.509 persoas que non teñen ensinanza ao alcance da súa man, en ningún dos 130 colexios da urbe olívica, pois para ir a calquera deben coller o coche. A educación tamén é o parámetro con menor porcentaxe en Pontevedra (87 %) e Ferrol (92 %).

Sen embargo, no caso da cidade de Lugo, o segundo peor dato é o que ofrecen os supermercados, pois hai un 87 % da poboación que pode chegar a eles percorrendo a pe as rúas nun cuarto de hora, pero iso deixa fóra a 12.739 persoas, que se vén obrigadas a coller o coche para poder mercar produtos de alimentación ou hixiene básicas para abastecer as súas vivendas. O mesmo sucede na cidade de Santiago, onde a proximidade a supermercados tamén é o indicador máis deficiente por detrás da sanidade, pois co 86 % dos seus habitantes preto de lugares para realizar a compra, hai 13.504 persoas que deben percorrer máis de 15 minutos andando ou en bicicleta para chegar ao supermercado. 

E xa en Ourense cidade, o indicador que arroxa un peor resultado despois da proximidade da poboación aos hospitais, é o da proximidade ás farmacias. O 91 % dos 105.636 habitantes de Ourense ten unha farmacia que lle dispense medicamentos de urxencia ou con prescrición médica a menos dun cuarto de hora andando, pero hai 9.507 que non a teñen tan preto da súa vivenda. Así están as cousas en Galicia, onde obviamente as porcentaxes son moi boas, vendo as persoas que se quedan fóra delas, poderíanse mellorar. Se se engadise o parámetro do traballo, de feito, de seguro habería que poñer porcentaxes máis baixos, pois son moi poucas as persoas que viven preto do seu posto de traballo. 

UNS 650.000 GALEGOS VIVEN A MÁIS DE QUINTE MINUTOS DUN CENTRO DE SAÚDE

O concepto de 'Cidade 15 minutos' parte do urbanista colombiano Carlos Moreno, que estima que este sería un tempo óptimo para percorrer a pé ou en bicicleta se o que se procura no futuro é crear cidades libres de coches. Hoxe por hoxe, na maioría das cidades os servizos que se levan as mellores porcentaxes son a restauración e os bares (un 97 % na Coruña, un 96 % en Vigo, un 95 % en Ourense, un 94 % en Ferrol, un 92 % en Santiago, un 91 % en Lugo e un 90 % en Pontevedra). Sen embargo, por comunidades, sorprendentemente, Galicia lévase a peor porcentaxe a nivel nacional en poboación que vive preto dun servizo de restauración: só o 86 %. Se estimamos en 2,7 millóns os habitantes de Galicia, 378.000 deberían percorrer máis dun cuarto de hora a pé para chegar ao bar máis próximo á súa vivenda.

Sen embargo, en todos os demais indicadores analizados pola enquisa do INE, Galicia acumula os segundos peores datos, pero non os primeiros, pois a palma lévaa Castela e León. Así, o 76 % da poboación galega manifesta vivir preto dun centro de saúde ou hospital (648.000 persoas viven a máis de 15 minutos); o 80 % asegura facelo preto dun supermercado (540.000 persoas están máis lonxe dun cuarto de hora andando); o 82 % da poboación di dispor dun colexio a menos de 15 minutos da súa vivenda (486.000 din estar máis lonxe); e o 84 % afirma ter unha farmacia á que acceder a menos dun cuarto de hora do fogar (432.000 téñena máis lonxe, precisando coller o coche para chegar á máis próxima).

CIDADES QUE CRECEN CARA ARRIBA, EN LUGAR DE CARA AS BEIRAS

O feito de que as 'Cidades 15 minutos' sexan cada vez máis habituais ten que ver co desenvolvemento urbanístico, caracterizado por moita densidade de poboación vivindo en edificios de grande altura. Isto xera cidades moi compactas que favorecen á dispoñibilidade de servizos. Neste senso, España, e dentro dela Galicia, é un dos países do mundo nos que unha maior porcentaxe da poboación nas grandes cidades vive en pisos e apartamentos, segundo amosan os datos da OCDE. A concentración de poboación en pouco espazo en España é mesmo maior que en países pequenos e moi poboados como Suíza. Así, as nosas cidades teñen máis de 10.000 habitantes por quilómetro cadrado construído de media.

Os datos revelan que a infraestrutura da cidade dos 15 minutos xa existe na ampla maioría das cidades españolas, pero outra cousa é como se usan os servizos esenciais. Se se analiza canto se tarda en ir a estudar ou a traballar en cada comunidade, hai moitas persoas que manifestan non ter a sorte de ter o seu centro de traballo preto. Os datos do INE permiten ver canto tempo empregan as persoas de 16 anos ou máis en desprazarse ao seu lugar de traballo ou ao seu centro de estudos.

EN GALICIA O LUGAR DE TRABALLO OU DE ESTUDOS QUEDA A 20-40 MINUTOS

En Galicia o máis habitual é que este lugar de traballo ou de estudos se atope a entre 20 e 40 minutos da vivenda. Este tempo é o que ten que percorrer cada día de media o 32 % da poboación galega (tres de cada dez galegos). É algo lóxico tendo en conta que moitas persoas prefiren vivir nas cidades próximas, en áreas suburbanas ou periurbanas que manteñen certa paz con respecto ás cidades sen perder por iso a dispoñibilidade de servizos. Pola súa banda, hai un 28 % da poboación que está a menos de 20 minutos do lugar de traballo, que serían aquelas persoas que directamente viven nas cidades e traballan na súa contorna. O 21 % dos habitantes de Galicia, pola súa banda, teñen que percorrer entre 40 minutos e unha hora para chegar ao posto de traballo (as caravanas para entrar nalgunhas cidades son brutais).

E, aínda que as porcentaxes sexan residuais, hai un 11 % da poboación (algo máis de un de cada dez galegos) que viven a entre unha hora e unha hora e media de distancia do seu lugar de traballo ou do seu centro de estudos; e un 8 % que o fai a máis de hora e media. Para todas estas persoas, lóxicamente, é necesario dispor dun coche. Pero é que nas cidades tamén hai un exceso de coches na actualidade. Vigo e Lugo son as cidades galegas de máis de 50.000 habitantes onde a súa poboación ten máis coches: o 81,1 % dos vigueses e lucenses asegura ter un coche ou máis na súa vivenda. Pola contra, a cidade con menos coches sería Ourense, onde o 72,8 % da poboación ten un coche ou máis na súa vivenda. As restantes repártense: un 80,9 % en Pontevedra; un 80,5 % en Ferrol; un 77,2 % en Santiago; e un 76,8 % na Coruña.

Nenos camiñan polo hall do colexio Virxe de Europa
Nenos camiñan polo hall do colexio Virxe de Europa | Fonte: Ricardo Rubio - Arquivo
O equipo de cirurxía xeral do Hospital Universitario da Coruña operando co robot Davinci
O equipo de cirurxía xeral do Hospital Universitario da Coruña operando co robot Davinci | Fonte: CHUAC - Arquivo
Un home na barra dun bar coruñés o día en que reabren as barras dos establecementos de hostalaría por primeira vez na pandemia do coronavirus en Galicia, a 15 de setembro de 2021, na Coruña
Un home na barra dun bar coruñés o día en que reabren as barras dos establecementos de hostalaría por primeira vez na pandemia do coronavirus en Galicia, a 15 de setembro de 2021, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta