A Xunta reclama ao Concello de Santiago que mellore o acceso con transporte urbano ao Clínico

O estudo elaborado pola Xunta apunta a importancia de optimizar o sistema de bus urbano municipal, axustando as liñas cara ao hospital e as paradas, "para aumentar a cobertura e reducir o emprego de vehículo particular".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2023 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia trasladou este venres ao Concello de Santiago a necesidade de mellorar o sistema de transporte público para facilitar o acceso ao Hospital Clínico, así como optimizar o aparcadoiro.

Segundo informou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, esta necesidade "despréndese do 'Estudo de mobilidade e aparcadoiro do Hospital Clínico de Santiago e do Hospital Provincial de Conxo'", que se abordou este venres nunha reunión técnica entre o director da AXI, Francisco Menéndez, e os concelleiros de Mobilidade, Sustentabilidade Ambiental e de Urbanismo do consistorio compostelán, Xan Duro, Xesús Domínguez e Iago Lestegás.

O estudo elaborado pola Xunta apunta a importancia de optimizar o sistema de bus urbano municipal, axustando as liñas cara ao hospital e as paradas, "para aumentar a cobertura e reducir o emprego de vehículo particular".

Así, advirte da necesidade de solucionar a "baixa cobertura" que actualmente ten o servizo con destino ao centro sanitario, xa que "só o 16 % da poboación de Santiago conta cunha parada de transporte urbano con conexión directa co hospital a menos de 300 metros" da súa vivenda. Respecto diso, a administración autonómica aposta por "profundar no reforzo do transporte dirixido aos traballadores dos hospitais".

Ese reforzo axudaría tamén a que houbese unha maior fluidez no aparcadoiro, porque "ás 8,00 horas case o 90 % das prazas están xa ocupadas, presumiblemente, por persoal sanitario que se despraza ao centro de traballo en vehículo particular".

A Xunta lembrou que, pola súa banda, está a activar "novas liñas de bus interurno para favorecer o desprazamento dos profesionais sanitarios" cara a hospitais da área de Santiago, con conexións desde Lalín, Silleda e a comarca do Deza.

NOVA ZONA DE APARCADOIRO

Por outra banda, a Xunta propón a creación dunha nova zona de aparcadoiro na contorna do CHUS para os usuarios do complexo, para dar cobertura a unha necesidade futura de 624 prazas en horas punta, que se produce en torno ao mediodía, considerando xa unha mellora no transporte público.

Para a Consellería tamén "resulta estratéxica a optimización futura do fluxo de tráfico" na contorna do hospital, mediante unha reordenación viaria "que evite os puntos de cruces para axilizar a circulación e minimizar a conxestión".

Outras das medidas propostas é habilitar unha vía de acceso libre de obstáculos para vehículos de emerxencia, ou dotar ao acceso principal do hospital dun lugar de baixada dos vehículos ('kiss & ride'), que evitaría estacionamentos nesa zona.

ITINERARIO A PÉ E EN BICICLETA

A Xunta está impulsado un itinerario para desprazarse a pé ou en bicicleta de forma cómoda e segura entre O Milladoiro e Santiago, con paso polo Hospital Clínico.

A senda, que chega ata a estación intermodal e ata San Caetano, conta con case 13 quilómetros, e un investimento de 12 millóns de euros, para uns traballos que comezarán antes de que acabe o ano.

As propostas de mellora da mobilidade da contorna do Clínico enmárcanse na ampliación do complexo, impulsada pola Xunta cun orzamento de case 95 millóns (incluíndo o centro de protonterapia).

APARCADOIRO GRATIS PARA FAMILIAS DE ALUMNOS

Por outra banda, tamén en materia de mobilidade, o Concello de Santiago informou de que as familias de alumnos dos colexios Raíña Fabiola e Pío XII poderán estacionar gratis durante 15 minutos nos horarios de entrada e saída dos centros escolares, no aparcadoiro A Catedral de cálea Galeras.

Así o acordou a concellaría de Mobilidade, para paliar os problemas de circulación na zona durante eses momentos críticos de entrada e saída de estudantes.

O concelleiro Xan Duro apuntou que o obxectivo do acordo alcanzado co aparcadoiro é "mellorar as dinámicas de entrada e saída dos dous colexios, onde se rexistran importante problemas de circulación neses horarios determinados, con moitos coches estacionados en dobre fila, ocupando beirarrúas e manobrando de forma que poden xerar situacións de risco para os nenos e as nenas".

As familias interesadas deben solicitar un cartón moedeiro nas dependencias do aparcadoiro, presentando un xustificante que acredite a súa pertenza á comunidade escolar deses centros. Se o tempo de estacionamento excede eses 15 minutos, abonarán só a tarifa correspondente a ese tempo extra.

Autobús urbano en Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Autobús urbano en Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta