Os efectos da borrasca Aline: case 100l/m2 e ventos de máis de 120Km/h

Alerta vermella en parte da costa da Coruña e na Mariña a partir de medianoite. Continúan os alagamentos en cidades como Santiago, A Coruña e Vigo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2023 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A borrasca 'Aline' obrigou á Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) a decretar un aviso vermello por fenómenos costeiros na costa atlática da Coruña e todo o litoral cantábrico desde Galicia ata Euskadi. Segundo indicou o instituto meteorolóxico, o perigo será "extremo" a partir da medianoite do xoves ao venres e nas primeiras horas do venres (ata as 12.00 horas desta xornada). As ondas poderían superar os 8 metros de altura.

Unha muller suxeita un paraugas durante o paso da borrasca ?Aline?.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Unha muller suxeita un paraugas durante o paso da borrasca ?Aline?.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Precisamente, de acordo coa información de Aemet, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para este xoves a alerta vermella por temporal costeiro no litoral oeste e noroeste da Coruña e no de Lugo. Así, procedeuse a informar da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Tras fortes precipitacións rexistradas na pasada xornada, este xoves segue en Galicia unha situación meteorolóxica adversa, con choivas persistentes e vento forte. A situación é complicada no mar, con forza 8 e con intervalos de forza 9 entre Fisterra e Ribadeo.

Nos valores máximos de Meteogalicia faise constar que en Forcarei se rexistrou un acumulado de precipitacións 98,7 l/m2; e refachos de vento de 122,4 km/h na estación de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras (Ourense).

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, de diques, rompentes ou paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ante a alerta por vento, sinálase ademais a necesidade de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e xanelas, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

AVISO LARANXA DE METEOGALICIA

Así, o boletín de avisos do instituto galego fai constar para este venres, 20 de outubro, que haberá temporal no mar con ventos fortes do noroeste e ondas superando o cinco metros de altura.

Deste xeito, por ventos haberá aviso amarelo a partir de medianoite en varias zonas da Coruña, litoral de Pontevedra, A Mariña e as áreas de montaña de Lugo e Ourense. Por ventos no mar, na costa galega haberá aviso laranxa a partir de medianoite e na mañá do venres.

Mentres, por ondada, Meteogalicia decreta unha alerta laranxa no litoral de Pontevedra desde a próxima medianoite ata as 18,00 horas do venres; e tamén durante a maior parte da xornada na costa de Pontevedra e A Mariña de Lugo.

Ondada na Ría de Vigo durante a chegada de chuvia e temporal
Ondada na Ría de Vigo durante a chegada de chuvia e temporal | Fonte: Agostime - Europa Press - Arquivo

A SITUACIÓN NO MAR MELLORA O SÁBADO

A situación no mar irá mellorando progresivamente, segundo Meteogalicia, finalizando o día 21 fóra dos límites de aviso. En todo caso, nas primeiras horas do sábado manterase o aviso amarelo por ondada en toda a costa galega.

MÁIS DE 350 INCIDENCIAS

A borrasca 'Aline' deixou en Galicia entre o mediodía do mércores e o deste xoves máis de 350 incidencias, entre elas inundacións en vías e alagamentos en vivendas, así como caídas de árbores que dificultan a circulación.

Ademais, aínda que sen feridos, o 112 informou de que se produciu un accidente no quilómetro 29 da AP-9, á altura de Fene, onde un coche sufriu unha saída de vía por mor dunha bolsa de auga e chocou contra unha mediana. No operativo participaron efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES de Mugardos, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autoestrada.

No seu conxunto, as peticións de axuda ao 112 Galicia nas últimas horas estiveron relacionadas coa presenza de árbores e ramas nas vías de circulación ou cos traballos dos servizos de emerxencias para previr riscos maiores, como o apontoamento de muros e tellados.

En concreto, os datos recolleitos polo 112 entre o mediodía deste mércores e o desta xornada reflicten 369 incidencias provocadas polas intensas choivas e o vento que afectan á comunidade, na que permanecen activos varios avisos de nivel amarelo e laranxa. Deste xeito, as árbores e ramas supuxeron 131 das incidencias rexistradas no 112 Galicia, seguidas das inundacións e bolsas de auga nas estradas (60), prevención de riscos (47 casos), inundacións de rúas (34) e alagamentos en vivendas (16).

A CORUÑA E PONTEVEDRA, PROVINCIAS MÁIS AFECTADAS

As provincias máis afectadas pola acción dos ventos e das choivas son, con diferenza, A Coruña (168) e Pontevedra (145). As de Lugo e Ourense, con 38 e 18 respectivamente, non sufriron con tanta intensidade os efectos da meteoroloxía adversa. Santiago e A Coruña foron os concellos máis afectados. De feito, na capital galega un desbordamento puntual afectou as piscinas do Tambre.

Nas últimas horas, na Coruña, segundo datos facilitados polo Concello, produciuse acumulación de auga na Rúa Gambrinus, onde se abriron o sumidoiros para desaguar e normalizouse a situación. Tamén houbo acumulacións de auga e que desatascar sumidoiros en varias rúas e rotondas. Así mesmo, na Rúa Xenebra houbo que restituír a tapa de rexistro que saltara pola forza da auga.

Ademais, estase en prealerta controlando os accesos ás praias, que está previsto pechar esta mesma tarde. En canto aos parques, do mesmo xeito que noutras cidades, pecháronse na pasada xornada por alerta amarela por ventos e esta mañá decidiuse manter o peche 24 horas máis a expensas de como evolucione a situación. Ademais, permanecen pechados os parques infantís.

Tamén en Vigo rexistráronse balsas de auga en diversos puntos da cidade, con inundacións tamén nesta xornada, e a caída dunha rama de grandes dimensións sobre unha motocicleta estacionada na tarde deste mércores na Rúa Anduriña, causándolle danos. Igualmente, polo temporal houbo que cancelar actos. É o caso do Concello de Poio, onde se cancelaron os previstos para o Día de Colón ante as previsións meteorolóxicas que indican choivas continuadas durante todo a fin de semana.

RAIO NUN AVIÓN

Na pasada xornada, ademais, a deputada do PP Ana Vázquez difundiu imaxes no seu perfil da rede social X dun voo no que viaxaba de Air Europa, que partiu de Madrid pasadas as 19.30 horas e aterrou en Vigo, que foi alcanzado por un raio. "Quero dar as grazas á tripulación do avión de hoxe de Air Europa que viña con destino Vigo e que fomos alcanzados por un raio. A súa profesionalidade fixo que aterrásemos ben. Grazas. Casualmente ía gravando o momento do impacto, foi un estrondo tremendo. Inesquecible", manifestaba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta