Sabes como se identificou o primeiro mosquito tigre en Galicia?

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores Infecciosos (Regavivec) conta xa con 40 trampas instaladas nos concellos de Cangas, Bueu, Marín, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo. Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Bueu e Vilaboa son os concellos afectados pola presenza de mosquito tigre, con maiores densidades de poboación en Moaña ('zona cero') e Vigo (especialmente nos barrios de Teis e Lavadores).

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Dise que os mosquitos son os animais que acabaran coa especie humana no futuro. O que pode parecer unha teoría da conspiración máis encerra unha gran verdade: a maioría de enfermidades infecciosas de certa gravidade transmítense pola picadura destes insectos, que actúan como vectores dende un portador ata moitos receptores, contribuíndo a expandir rapidamente virus como o do Zika, a malaria ou a febre do Nilo occidental, entre outros. En Galicia, tras a aparición do mosquito tigre, a poboación está cada vez máis concienciada sobre a necesidade de coñecer os diferentes tipos de mosquito que cohabitan con nós e a súa perigosidade, porque en calquera momento pode saltar unha nova alerta sociosanitaria.

Reportes de mosquito tigre en 'Mosquito Alert', ata o 10 de outubro de 2023
Reportes de mosquito tigre en 'Mosquito Alert', ata o 10 de outubro de 2023 | Fonte: 'Mosquito Alert'

Na comunidade galega existe a Rede Galega de Vixilancia de Vectores Infecciosos (Regavivec), creada no ano 2017 pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo). Dende 2019 o equipo atópase instalando trampas en diferentes puntos da xeografía galega para capturar mostras de mosquitos que poder analizar, en colaboración cos concellos que voluntariamente quixeron participar no proxecto. Ademais, este mesmo ano 2023 púxose en marcha a aplicación 'Mosquito Alert' (iniciada polo CSIC en 2014) para que calquera persoa poida enviar fotografías de mosquitos para que validadores expertos os identifiquen, dentro das posibilidades de cada foto. De feito, esta ferramenta foi clave na detección do primeiro exemplar (o 'paciente cero') de mosquito tigre en Galicia.

Dende Regavivec, a investigadora da UVigo Yasmina Martínez Barciela, participante na 'II Xornada Galega de Saúde Pública' celebrada esta semana en Santiago, conta como foi ese primeiro achado do mosquito tigre en Galicia. "A comezos de agosto chegáronnos a través de 'Mosquito Alert' dúas fotos de mosquitos, nas que detectamos patróns que os facían compatibles co mosquito tigre, así que saltaron as alertas", recorda, detallando que estas fotografías foron enviadas por "un usuario da parroquia de Tirán, en Moaña". Como na aplicación os usuarios son anónimos, contactouse con el directamente a través dela para ver se estaba disposto a colaborar. "E así foi, non puxo ningún problema, así que ao día seguinte xa estabamos no lugar", afirma Martínez, que asegura que "a actuación foi moi rápida".

Unha vez no lugar, este usuario mostroulles varios exemplares que tiña gardados e, entre eles, comprobaron que se trataba de cinco femias e tres machos. "Baixo a lupa puidemos ver que, efectivamente, tratábase do mosquito tigre", recorda a investigadora da UVigo. E é que a primeira vista non caben dúbidas para diferenciar un mosquito tigre dun mosquito normal: "Os mosquitos tigre teñen esa franxa blanca que lles percorre todo o corpo de cabeza a tórax xunto con aneis brancos, catro ou cinco, nas patas; e, aínda que hai mosquitos normais que tamén teñen aneis nas patas, se estes están en conxunto coa liña branca da cabeza e tórax, trátase indiscutiblemente dun mosquito tigre".

Tras esta comprobación e unha primeira inspección da zona concreta onde foi atopado o mosquito, o que se fixo foi preparar unha trampa centinela, que atrae ata ela os mosquitos polo cheiro (un cheiro artificial en ausencia de CO2 similar ao da pel humana), a 200 metros do foco de comezo, porque é o radio de expansión do mosquito. "Na primeira inspección que realizamos a esta trampa vimos no recipiente mosquitos, pero non tigre", recorda Martínez. Con todo, á semana seguinte, "si confirmamos que seguía habendo exemplares de mosquito tigre na zona". Nese momento, dende Regavivec puxéronse en contacto con Saúde Pública para alertar do achado e para que se puidesen implantar medidas canto antes, de forma inmediata. Saúde Pública reafirmou a súa colaboración e advertiu á cidadanía.

Mosquito tigre
Mosquito tigre | Fonte: JAMES GATHANY - CDC - Arquivo

"A PICADURA DO MOSQUITO TIGRE É DE POR SI MÁIS SEVERA QUE A DO COMÚN"

O que se fixo foi comezar unha campaña de concienciación social que se mantén activa, pois o mosquito tigre segue presente en Galicia e cada vez detéctase en máis puntos (todos arredores da zona de Moaña, a 'zona cero'). Entre as medidas a adoptar por parte da poboación, a investigadora da UVigo recorda "a eliminación de criadeiros". "Aos mosquitos encántalles criar en lugares húmidos, nos que hai auga, e que sexan artificiais", explica Martínez, que indica que por iso resulta moi efectivo a nivel individual "retirar todos os recipientes artificiais que se teñan en fincas e poidan acumular auga, ou ben darlles a volta e baleirar a auga ou tapar a súa superficie tras o baleirado". E é que esta experta cifra a cantidade de criadeiros nesas zonas no 80 % do total. É dicir, oito de cada dez criadeiros de mosquito tigre están en recipientes artificiais situados no exterior que acumulan auga.

A importancia é crucial, pois o mosquito tigre, ademais de ser transmisor de enfermidades mortais como o dengue, o zika, a febre amarela ou o chikungunya, tamén é perigoso aínda sen portar ningún destes virus, porque "a picadura dun mosquito tigre xa é de por si máis severa que a dun mosquito común". Martínez recorda que, polo momento, dende Regavivec intensificouse a monitorización nos concellos da área sanitaria de Vigo e a situación actual é que xa se conta con 40 trampas instaladas na zona afectada, nos concellos de Cangas, Bueu, Marín, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo. Polo momento, Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Bueu e Vilaboa (o achado máis recente, esta mesma semana) son os únicos concellos afectados pola presenza de mosquito tigre, que aínda non se detectou en Marín nin Soutomaior. E as maiores densidades de poboación de mosquito tigre atopáronse en Moaña (zona cero) e en Vigo (especialmente nos barrios de Teis e Lavadores).

"EN GALICIA HAI ESPECIES AUTÓCTONAS QUE TRANSMITEN ENFERMIDADES"

Mais aló de monitorización do mosquito tigre, dende Regavivec levan anos traballando na detección e control de vectores invasores. Tal e como apunta a investigadora da UVigo, "estamos atravesando unha situación de cambio climático na que entrada de especies invasoras é algo frecuente". Destas especies, "algunhas son transmisoras de enfermidades, como é o caso do mosquito tigre, que tamén é invasora e pode expandirse con moita facilidade", pero o certo é que "en Galicia xa temos numerosas especies autóctonas que transmiten enfermidades, de feito o mosquito común está altamente distribuído e é o principal vector de transmisión do virus do Nilo occidental, do que xa hai casos no sur de España".

Así, en concreto, fala de catro tipos de vectores de transmisión de enfermidades presentes na comunidade galega: os culicidos, "que serían os mosquitos verdadeiros, por así dicilo, os de toda a vida, que tamén poden transmitir a malaria ou o dengue"; os culicoides, "que teñen un elevado interese veterinario porque son os responsables da chamada enfermidade da lingua azul que afecta ao gando e da enfermidade hemorráxica epizoótica que tamén chegou xa a Galicia"; os flebótomos, "que son transmisores da leismaniose, enfermidade que afecta sobre todo aos cans, pero da que tamén se dan casos en gatos e humanos"; e as carrachas, "portadoras da enfermidade de Lyme". Entre entes vectores, o Regavivec céntrase na vixilancia dos mosquitos, mentres que para os carrachos hai un grupo especializado no Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC).

Para esta vixilancia, actúan sobre as larvas dos propios mosquitos, que son acuáticas e, polo tanto, atópanse circulando en calquera cúmulo de auga. Deses cúmulos os investigadores collen unha mostraxe para ver de que especie de mosquito se trata. Ademais, tamén usan trampas para cazar exemplares. Por exemplo, como apunta Martínez, úsanse unha especie de cubos de cor negra nos que se introduce auga e as femias dos mosquitos (as únicas que pican) vense atraídas para poñer neles os ovos. Estas trampas son efectivas para o mosquito tigre e o mosquito común. Outro tipo de trampas simulan a respiración dos mamíferos e iso atrae moito ao mosquito tigre. E hai aínda outras dúas formas de trampa: unha con luz ultravioleta ou branca e outras que lles atraen polo cheiro a pel humana, como a empregada no caso do primeiro mosquito tigre detectado en Vigo. 

'CULEX PIPIENS', O MOSQUITO COMÚN, SEGUE A SER O MÁIS FRECUENTE

Deste xeito, en total, entre 2017 e 2022 a rede Regavivec foi quen de identificar 23 especies diferentes de culicidos, doce deles (algo máis da metade) con interese sanitario. Entre eles, o máis común é o 'culex pipiens', por ser o máis frecuente, que é o principal vector de transmisión do virus do Nilo occidental. Outro achado importante foi detectar no ano 2018 dúas especies de mosquito, autóctonas de Galicia, pero que non se coñecían, como o 'Anopholes plumbeus', vector secundario da malaria que se adapta a criar facilmente en recipientes artificiais; e 'culex torrentium', máis difícil de identificar porque se asemella moito ao 'culex pipiens' e tamén é vector de transmisión do virus do Nilo occidental. 

Entre os culicoides, puideron detectar 13 especies diferentes, das cales sete tiñan interese sanitario, sendo a máis abundante a 'culicoides obsoletuss', principal vector de transmisión da enfermidade da lingua azul en Galicia, e que se atopa presente en moi poucas zonas, a simple vista, pero que naquelas nas que se atopa faino en abundantes poboacións. E entre os feblótomos destaca a identificación do 'plebotomus perniciosus', que non ten importancia sanitaria pero que se atopa especialmente no sur de Galicia, na zona do Baixo Miño.

Distribución do 'Anopheles plumbeus'
Distribución do 'Anopheles plumbeus' | Fonte: Regavivec
Distribución do 'Phlebotomus perniciosus'
Distribución do 'Phlebotomus perniciosus' | Fonte: Regavivec
Distribución do 'culex pipiens'
Distribución do 'culex pipiens' | Fonte: Regavivec
Distribución do 'culicoides obsoletus'
Distribución do 'culicoides obsoletus' | Fonte: Regavivec
Distribución do 'culex torrentium'
Distribución do 'culex torrentium' | Fonte: Regavivec
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta