Por gcdeportes | Lugo | 07/06/2015 | Actualizada ás 23:13
Ficha técnica
Girona FC: Isaac Becerra; Cifuentes, Pablo Íñiguez, Lejeune, David García (Rovirola, 63’); David Juncà (Aday, 86’), Pere Pons, Granell, Eloi Amagat, Mata e Fran Sandaza (Felipe, 79’).
CD Lugo: Xosé Xoan; De Coz, Lolo Pavón, Borja Gómez, Manu; Pita, Fernando Seoane; Iriome (Toni, 55’), David López (Alvaro Peña, 55’) Iago Díaz (David Ferreiro, 78’) e Pablo Caballero.
Goles: 1-0: Fran Sandaza (minuto 44). 1-1: Pablo Caballero (minuto 92).
Árbitro: Sánchez Martínez (murciano). Amarelas a Lejeune (82’) e Cifuentes (91’) no Girona e a Seoane (30’), Borja Gómez (82’) e Toni (86’).
Incidencias: partido da 42ª e derradeira xornada de Segunda División no estadio municipal de Montilivi ante 8.974 espectadores.
No minuto 91, o Girona era equipo de Primeira cun gol do ex-lucense Fran Sandaza. Pablo Caballero acadou o empate para o Lugo no minuto 92, que deixaba ao rival sen ascenso directo. O equipo catalán aínda tivo tempo para marcar o 2-1, pero Lejeune estaba en fóra de xogo. O xuíz de liña sinalou a infracción e foi agredido, cunha botella de auga, dende a bancada. O árbitro suspendeu o encontro con 40 segundos por xogar.
“O árbitro deu por rematado o partido. Non creo que se teña que xogar. A situación estaba complicada pois faltaba un minuto e podían pasar moitas cousas. O mellor era rematar”, principiaba Quique Setién a súa rolda de prensa. Pero pararon as súas verbas, e ante un abraiado adestrador lucense, anunciaron que se xogaban eses 40 segundos, ao parecer tras unha chamada dende a Federación.
Trala reanudación, un minuto despois, o árbitro asubiou o final e correu para vestiarios. O público invadiu o céspede con berros de “¡Manos arriba, esto es un atraco!, e tentaban entrar polo túnel de vestiarios, protexido pola seguridade privada e os Mossos. “Botarnos a culpa a nós é excesivo. Fixemos o que tiñamos que facer”, dixo Quique Setién, quen negou unha prima do Sporting de Xixón, desta volta xa co partido rematado.
"O Lugo estaba extramotivado. Se han reído en mi puta cara. Esto es muy raro", dixo Sandaza, quen non acabou moi ben a súa etapa en Lugo. O Girona quedou terceiro e xogará o play-off contra o Zaragoza. Ascendeu o Sporting de Xixón tras gañar 0-3 ao Betis.
A policía recomendou ao equipo lucense agardar en vestiarios a que se calmase o ambiente. Sobre as 22.30, dúas horas despois de rematado o partido, o Lugo saiu do estadio, co autobús escoltado polos Mossos, entre insultos de máis de 200 seareiros locais. O club decidiu trocar os seus plans iniciais e decidiu pasar a noite nun hotel de Barcelona e non en Girona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.