Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2023 | Actualizada ás 11:51
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a convocatoria da segunda edición do programa de formación dual en centros especiais de emprego dirixidos á cualificación e á integración no mercado de traballo de persoas con discapacidade intelectual. Así, estiman que un centenar de persoas con discapacidade poidan, ao longo de tres anos, ata o 2026, combinar formación cun posto de traballo nun centro especial de emprego.
O prazo de inscrición para que se anoten os centros especiais de emprego á iniciativa ábrese o xoves e finalizará o próximo 30 de novembro. A previsión é que se adhiran ao programa dez centros especiais, catro máis que na primeira edición, que deberán estar inscritos no rexistro administrativo da comunidade e cualificados como centros sen ánimo de lucro que conten, polo menos, con 10 traballadores, dos que un mínimo do 30% debe ter discapacidade intelectual.
Os destinatarios finais do programa, as persoas con discapacidade, terán que estar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e carecer de cualificación profesional. Destacan que o fin último é lograr que os participantes poidan obter despois un contrato de traballo nunha empresa. Con esta iniciativa, a Xunta financia o custo salarial dos alumnos-traballadores con discapacidade intelectual, o persoal de apoio e de acompañamento que sexa necesario e a actividade formativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.