O Concello de Pontevedra estudará saídas para a Casa do Mar cando a súa actividade sanitaria finalice

O goberno local tentará comprobar a viabilidade e as posibilidades que ofrece o espazo á espera de coñecer as previsións do Instituto Social da Mariña, que é o propietario da edificación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2023 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra estudará novos usos para o Centro de Especialidades de Mollavao, coñecido como a Casa do Mar, unha vez cese na súa actividade sanitaria coa posta en marcha do novo hospital de Montecelo, ao que serán trasladadas as súas consultas.

O asunto foi abordado o pasado 23 de outubro durante a entrevista entre o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aínda que non fora comunicado ata este martes, cando o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, o desvelou nunha comparecencia.

Segundo explicou, o goberno local tentará comprobar a viabilidade e as posibilidades que ofrece o espazo á espera de coñecer as previsións do Instituto Social da Mariña, que é o propietario da edificación.

O concelleiro indicou que tanto o presidente como o alcalde mostraron a súa "preocupación" á hora de buscar algún tipo de "funcionalidade" a este edificio "e que non suceda, como sucedeu noutros casos, que quede abandonado durante determinado tempo".

Mosquera tamén informou que o presidente fixou como unha posible xanela para o abandono do edificio por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) a finais do próximo do ano, de maneira aproximada.

Deste xeito, o Concello de Pontevedra avanzou que se porá en contacto co Instituto Social da Mariña para que lles deixe estudar este espazo e tamén para coñecer "que previsión teñen para este edificio". O concelleiro explicou que en casos semellantes, o instituto chegou a cedelo na súa totalidade para propiciar unha nova actividade.

Sobre que usos posibles podería ter a actual Casa do Mar, o edil aclarou que "non hai ningunha decisión tomada nin moito menos", e aínda que "ideas sempre pode haber moitas", César Mosquera entende que primeiro fai falta estudar a nivel técnico as posibilidades do edificio. Con todo, lembrou que a Policía Local segue tendo a necesidade dunha nova localización.

O alcalde do BNG de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde do BNG de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Arquivo - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta