Queres saber cales foron os concellos que máis sufriron as chuvias torrenciais de outubro?

O concello pontevedrés de Forcarei chegou o día 19 aos 133 litros por metro cadrado. E o municipio de Cotobade alcanzou os 694 litros por metro cadrado acumulados ao longo de todo o mes.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Outubro rematou pasado por auga e semella que foi un dos peores meses a nivel de precipitacións de todos os tempos. Rúas inundadas, sumidoiros reventados, coches atrapados en riadas, xente cruzando prazas coa auga pola metade da perna... Todas estas escenas son de fai tan só uns días, cando o tren de borrascas trouxo consigo chuvias torrenciais que deixaban tanta auga concentrada en tan só uns minutos que a rede de desaugue non daba a basto. Novembro semella que non comeza moito mellor, así que xa sabes: canto menos collas o coche e máis poidas permanecer na casa mellor para a túa seguridade. Polo de agora, queres saber cales foron os concellos que máis sufriron as chuvias en outubro? O último informe publicado por Meteogalicia así o recolle:

As fortes chuvias causaron inundacións nas rúas
As fortes chuvias causaron inundacións nas rúas | Fonte: Facebook - Arquivo

Polo que respecta á precipitación máxima acumulada nun só día, cabe destacar que foron os días 17, 19 e 26 os de maior intensidade de chuvia en practicamente todo o territorio galego. Así, na provincia da Coruña, foi o concello de Zas o peor parado, superando o día 19 os 98,1 litros por metro cadrado, segundo os rexistros da súa estación meteorolóxica Coto Muiño; seguido de Coristanco, onde a estación Río do Sol rexistrou tamén o día 19 uns 94,7 litros por metro cadrado; e do municipio de Val do Dubra, con 93,4 litros por metro cadrado caídos o día 19 na estación meteorolóxica de Paramos.

Xa na provincia de Lugo, foi o concello de Abadín o peor parado, ao rexistrar 100,6 litros por metro cadrado o día 19 na súa estación de Labrada; seguido do municipio de Pedrafita do Cebreiro, con 98,3 litros de auga recollida o día 26 na estación meteorolóxica de Alto do Poio; e do concello de Baleira, onde tamén o día 26 chegouse aos 88,7 litros por metro cadrado na estación de Fontaneira.

Por outra banda, na provincia de Ourense, a maior precipitación nun día rexistrouse o 19 no concello de Avión, con 115 litros por metro cadrado caídos na estación de Amiudal; seguido do municipio de Muíños, onde a estación meteorolóxica de Xurés rexistrou o día 17 un total de 112,4 litros por metro cadrado; e, finalmente, o concello de Manzaneda, que chegou aos 96,7 litros na estación de Cabeza de Manzaneda.

Polo seu lado, na provincia de Pontevedra, o concello de Forcarei chegou o día 19 aos 133 litros por metro cadrado recollidos pola estación meteorolóxica de Forcarei; seguido do municipio de Fornelos de Montes, cuxa estación homónima rexistrou 130 litros por metro cadrado o día 19; e de Redondela, onde caeron 110 litros por metro cadrado o mesmo día 19 na estación meteorolóxica do Viso.

Intensas chuvias en Galicia
Intensas chuvias en Galicia | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

EN OUTUBRO DE 2022 AS PRECIPITACIÓNS CHEGARON AOS MESMOS NIVEIS

Polo que respecta á precipitación acumulada ao longo de todo o mes, cabe dicir que outubro foi un mes pasado por moita auga. Así, na provincia da Coruña o concello de Santa Comba chegou aos 605 litros por metro cadrado ao longo do mes, segundo a estación meteorolóxica de Fontecada; seguido do municipio de Lousame, que rexistrou 576 litros por metro cadrado en outubro na súa estación da Muralla; e de Zas, que chegou aos 564 litros na estación meteorolóxica de Coto Muiño.

Na provincia de Lugo o maior acumulado de choiva deuse en Pedrafita do Cebreiro, con 588 litros por metro cadrado, rexistrados na estación de Alto do Poio; seguido no concello de Abadín, que chegou aos 497 litros por metro cadrado de auga ao longo do mes, rexistrados na estación de Labrada; e, finalmente, habería que repetir o concello de Pedrafita do Cebreiro, polos 496 litros por metro cadrado recollidos pola estación do Cebreiro. 

Xa na provincia de Ourense o concello de Muíños chegou aos 584 litros por metro cadrado recollidos na súa estación do Xurés; en Entrimo caeron 591 litros na estación homónima; e en Xinzo de Limia, onde chegouse aos 577 litros por metro cadrado na estación do Invernadeiro. Pola súa banda, na provincia de Pontevedra o municipio de Cotobade rexistrou 694 litros por metro cadrado na estación de Rebordelo; e Ponte Caldelas chegou a 671 litros na estación de Castrove; mentres que Forcarei quedouse en 641 litros por metro cadrado na estación meteorolóxica homónima.

Así as cousas, aínda que ben é certo que foi un mes de moita chuvia, o pasado ano en outubro as precipitacións acumuladas chegaron aos mesmos niveis, iso si, choveu de forma máis repartida ao longo do mes, non como na actualidade, onde en poucos minutos caeron chuvias torrenciais. Así, na provincia da Coruña, na estación meteorolóxica de Fontecada chegouse en outubro de 2022 a 682 litros por metro cadrado de choiva; na de Lugo, na estación de Olveda, aos 304;  na de Ourense, na estación de Entrimo, aos 446; e na de Pontevedra, aos 524 litros por metro cadrado na estación de Fornelos de Montes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta